Dende o Sindicato Labrego Galego valoramos positivamente esta redución do IBI, habida conta que responde a unha petición desta organización agraria realizada en 2015. A intención da nosa petición era que, a través desta bonificación no IBI, minguase o forte impacto da regularización catastral na economía das familias labregas de Muras. Dende ese ano, o SLG levou a cabo unha intensa campaña informativa, con xuntanzas veciñais e contactos cos e coas representantes dos partidos políticos, que culmina coa publicación do BOP da ordenanza devandita.
Sendo como é positiva esta bonificación no IBI, consideramos tamén un despropósito que se publique no BOP do 26 de decembro, sen ningunha publicidade nin aviso institucional para promover a medida, e con tan só tres días de prazo para realizar todos os trámites necesarios.
Polo demais, dende o SLG queremos recordar que, despois de ter rematado o procedemento de regularización catastral en practicamente todos os concellos, na maioría non se teñen aprobado bonificacións para construccións agrarias. Por este motivo, dende o SLG facemos un novo chamamento a todos os concellos da Terra Chá para que sexan sensibles coa situación económica de moitas familias labregas do rural, e adopten medidas que diminúan a carga impositiva das nosas granxas.
No caso de Muras, animamos á veciñanza a pasar polo concello para solicitar a bonificación no IBI, ao tempo que poñemos as nosas oficinas na Terra Chá á súa disposición para informar ou tramitar estas bonificacións.