Mentras tanto, nas Oficinas Comarcais ninguén sabe darlles explicacións de quen vai identificar os becerros, nin tampouco facilitan os crotais para que a xente poida poñelos; nin expenden os Boletíns de Identificación, para que inda que non vaia o veterinario/a, o becerro poida ser identificado e vendelo.
O que está a pasar na práctica é que estanse a cargar este servizo -na liña de actuación da Xunta de Galiza de ir desprestixiando servizos públicos para eliminalos máis facilmente ou, noutros casos, simplemente eliminalos directamente- , sen ningún tipo de información ó sector e sen poñer alternativas que impidan esta inmobilización ilegal da cabana.
Estanse a despedir moitos dos veterinarios e veterinarias que facían este traballo, e a outros téñenos sen facer nada, para xustificar que corran o mesmo destino e, mentras tanto, os gandeiros e gandeiras alimentan durante varios días unha pila de becerros que en troques de estar xa vendidos e aportar beneficios, unicamente colaboran a aumentar as perdas da explotación.
Dende o SLG reclamamos que se poñan en marcha mecanismos que permitan a mobilidade do gando e que non se desmantele este servizo público, menos inda facéndoo de costas á cidadanía, de xeito escurantista e sen dispor de mecanismos para facer ese traballo.
Os gandeiros e gandeiras teñen que poder vender os seus becerros cando consideren oportuno, xa que abondos problemas teñen xa como para inda por riba ter que cargar coa incompetencia da Administración.