Novas

  • “Non necesitamos máis tecnoloxía para enfrontarnos ao problema da fame, o que necesitamos son cambios políticos”

    “Non necesitamos máis tecnoloxía para enfrontarnos ao problema da fame, o que necesitamos son cambios políticos”

    • 18,Feb 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Nesta ocasión a PGA contou coa análise dos investigadores Serafín González Prieto, científico titular do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela, e o Doutor en Economía e docente titular do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Xavier Simón Fernández.

     Nas súa intervención, o doutor Serafín González chamou a atención sobor dos efectos que os OXM operan na biodiversidade, resaltando a falta de investigacións neste eido, e salientando a grave problemática da contaminación do solo “a base de todos os ecosistemas terrestres, onde están almacenados grande parte dos nutrintes que fan falla para as nosas colleitas”.

     Serafín González condenou a liberación de organismos no medio natural, ao non saberse na actualidade cales son as súas repercusións. “O principio de precaución é neste caso determinante e clave”.

     Ademais, aclarou que unha contaminación biolóxica, como neste caso a xenética, pode multiplicarse e estenderse no medio, “dificultando a loita” perante dos posíbeis problemas. “Non á utilización destes organismos no medio natural”, sentenciou.

    audio logo Audio das declaracións de Serafín González

     Pola súa banda, o doutor Xavier Simón, considera esta nova fase do desenvolvemento tecnolóxico aplicado na agricultura coma un paso máis na mal chamada “Revolución Verde”* .

     A “Revolución Verde”, presentouse no seu momento como o xeito de acabar co problema da fame, acadar que as economías occidentais deixaran de ser importadoras netas de alimentos e, de xeito fundamental, colocar dentro do mercado a un conxunto importante da comunidade que até ese momento garantía as condicións de produción en base aos medios e recursos existentes localmente, polo tanto fóra dos circuítos mercantís e non sometidos aos intereses das grandes multinacionais.

     Tra-la revolución verde, por primeira vez as economías occidentais pasaron a ser exportadoras. O problema da fame, pola contra, agravouse.

     A este respeito, Simón subliñou que na actualidade, seguindo cifras dos organismos internacionais, “máis de tres millóns de pequen@s labreg@s son pobres ou moi pobres e oitocentos millóns de persoas pasan fame. A Revolución Verde foi un fracaso.”

    audio logo Audio das declaracións de Xavier Simón

     Os cultivos transxénicos aparecen agora por parte das multinacionais como unha solución tecnolóxica para resolver os problemas que a Revolución Verde non foi capaz de eliminar, a panacea para rematar co problema da fame. “Este argumento é un dos máis hipócritas que podemos atopar para defender os transxénicos na agricultura mundial, e neste caso na galega”.

     “Os OXM´s non teñen tanto que ver coa obtención de produtos para a alimentación humana, senón que moitas veces están adicados á produción de fibras, substitutos do plástico e produtos destinados á alimentación animal e non á humana (…) O patrón de consumo en base a proteínas animais, sobre todo de carne roxa, é un patrón de consumo das comunidades occidentais, onde non hai un problema de fame, senón de sobrepeso.”

     “Non son entes abstractos, elementos tecnolóxicos illados. A posta en marcha desta pretendida solución tecnolóxica leva aparellado o desenvolvemento de sistemas de apropiación da biodiversidade, que van a significar o establecemento de patentes e sistemas.”

     Non é ético que as multinacionais teñan dereitos de propiedade exclusiva sobor dunha manifestación vital, sobor dunha parte da vida que é o resultado dun proceso de co-evolución das sociedades labregas e a natureza.

     “Os OXM´s son a mostra dun proceso moito máis amplo, impulsado polas compañías multinacionais, pola natureza do propio sistema capitalista, de apropiación e artificialización dos sistemas, como se a tecnoloxía estivera por riba da propia natureza, unha consideración equivocada, perigosa e perversa.”

     O seu avance forma parte do proceso de sometimento ás leis do mercado, é unha apropiación poñerlle prezo a unha parte da vida.

     “Dicir non aos transxénicos non significa dicir non ao cambio, senón pór enriba da mesa elementos como o principio de precaución, apostar por unha agricultura respetuosa das condicións ambientais, das persoas e que incida na necesidade de incrementar a produción de alimentos nunha agricultura ecolóxica e tradicional, que debe ser o elemento que nos permita solucionar os problemas da fame e do medioambiente.

     Non necesitamos máis tecnoloxía para enfrontarnos a estes problemas, o que necesitamos son cambios políticos, cambios institucionais, que impidan solucións precipitadas e non controladas.”

     *Iniciada na década dos 40 do século pasado, centros de investigación fundamentalmente norteamericanos, apoiados polos gobernos occidentais, denominaron Revolución Verde á introdución de novos sistemas agrarios no Terceiro Mundo.

     Esta “revolución” consistiu na introdución de “variedades de alto rendemento” acadadas mediante procesos de hibridación, non ao modo da agricultura tradicional, que o realiza ao longo de centos de anos, senón que por impulso das investigacións e das compañías internacionais, estas variedades substituíron a aquelas perfectamente adaptadas ás condicións medioambientais.

     

    -Obterán máis información contactando con: 

    Nome

    Responsabilidade

    Teléfone

    Charo Sánchez Parga

    Voceira

    669651700

    Analia Moares Lameiro

    Voceira

    988374318 / 660310049