Desta maneira, na guía publicada por MSC International analízanse extremos como o efecto destrutivo dos tratados de libre comercio ou as fecundas interaccións entre a cidadanía, os poderes públicos e a agricultura local: dende a venda directa de leite por granxas en Gran Bretaña; aos consellos de política alimentaria en cidades como Toronto, Gante, Bristol, Turín ou Belo Horizonte; pasando por políticas en países como Brasil, onde os concellos que queiran recibir financiamento para a manutención dos comedores escolares teñen a obriga de mercar o 70% de alimentos non procesados e o 30% restante a explotacións agrícolas de familias labregas locais. Podedes descargar o informe completo na icona que atoparedes no remate desta páxina.
