Novas

  • Mobilización  por unha Política Agraria Común (PAC) para as labregas/os e a sociedade

    Mobilización por unha Política Agraria Común (PAC) para as labregas/os e a sociedade

    • 29,Mai 2010
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    A actual situación de desfeita e peche das explotacións motivada pola baixada de prezo de tódolos produtos, ten responsábeis concretos: os ministros e ministras de agricultura que sosteñen a aplicación da actual política agroalimentaria europea, deseñada á medida das transnacionais e non dos labregos e labregas nin da sociedade.

     

    Estas persoas, responsábeis da elaboración dos marcos de regulación da produción de alimentos en Europa, están a deseñar arestora unha nova reforma da Política Agraria Común para aplicar a partires do 2013. Coma parte deste proceso, o vindeiro 30 de maio as ministras e ministros de agricultura europeos reuniranse en Mérida.

     

    O Sindicato Labrego Galego, canda outras organizacións integrantes da Coordenadora Europea Vía Campesina tanto a nivel estatal (Coordinadora de Organizacións Agrarias y Ganaderas-COAG, Euskal Herriko Nekazarien Elkartasuna-EHNE, etc.) coma europeo, e en resposta á convocatoria desta, estará presente en Extremadura para reclamar unha política agraria que permita aos labregos e labregas prezos polos seus produtos, que cubran custos de produción e traballo ao tempo que garantan á sociedade produtos asequíbeis e de calidade para poder alimentarse a diario.

     

    As organizacións pertencentes á Coordenadora Europea Vía Campesina loitaremos por facer entender aos ministros e ministras que non hai futuro para as labregas e labregos se seguimos polo camiño de liberalizar os mercados e a produción, ao igual que non hai un futuro de calidade para a cidadanía en xeral se deixamos en mans das multinacionais o poder de controlar a alimentación.

     

    Dende o SLG, e coma CEVC, convocamos a tódalas persoas, non só labregas e labregos, loitar conxuntamente por unha outra Política Agraria Común, que garanta prezos e transparencia ao longo de toda a cadea alimentaria, limitando as marxes de beneficio da distribución e a transformación, e garantindo alimentos sans para a cidadanía.

     

    O mantemento dunha agricultura labrega, social e sustentábel ten que ser a base da nova Política Agraria Común (PAC) 2013, e os ministros e ministras de agricultura son quen teñen a responsabilidade de levar este traballo adiante. O vindeiro 30 de maio en Mérida terán que escoitar a nosa voz.