Novas

  • Mobilización 18 de Novembro: Polo dereito á negociación colectiva dos prezos agrarios

    • 17,Nov 2008
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    A grave situación que arestora están a sufrir as explotacións agrarias en xeral e as leiteiras en particular, perante do risco a vérense abocadas a vender a súa produción a prezos ruinosos, pon de releve a irregularidade predominante no sistema de contratación agraria que, no caso do leite se vendeu como a estabilidade a traves dos Contratos Homologados. 

    En todo tipo de contratos, a/o traballadora/o primeiro negocia as condicións e o prezo do seu traballo e, se está conforme, asina. 

    No sector lácteo asinouse no mes de maio, por parte das industrias e de XXAA e UUAA, coa mediación da CMR e o MARM, todo o contrario ao sentido común e ao dereito: un contrato sen prezo para o noso traballo. E agora, por riba, van demandar nunha manifestación que ese contrato se cumpra! 

    As empresas “fan e desfán”, marcan prezos á baixa constantemente sen que as organizacións asinantes nin as administracións lles podan poñer coto ningún. 

    Os prezos de mercado márcanos industrias e distribución co único criterio de gañar máis e apoiar a industrialización do proceso de produción de alimentos. 
    Aquí quen sempre perden son labregas e labregos e o conxunto da cidadanía. O SLG defende o establecemento de prezos mínimos que cubran custos e traballo

    Non nos cansaremos de defender que primeiro ten que haber un prezo mínimo para o leite e resto de produtos agrarios, establecido por norma, e despois refrendalo nun contrato. 

    Esa é a diferencia substancial pola que mañá hai convocadas dúas manifestacións. Non se pode andar enganando a ninguén: a unidade nas mobilizacións e nas reivindicacións rompérona XXAA e UUAA asinando un contrato sen prezo o 21 de maio, cando as gandeiras e os gandeiros estiveran na rúa o 30 de abril demandando prezo e estabilidade. 

    A unidade de mobilización e reivindicación volvérona romper agora convocando pola súa conta e, sen contar co SLG, unha mobilización para defender os contratos sen prezo. 

    A mobilización convocada polo SLG baixo o lema xeral “Polo dereito á negociación colectiva dos prezos”, partirá ás 11:30 diante da Consellaría do Medio Rural e rematará no Obradoiro, diante da sede oficial da Presidencia da Xunta de Galicia. 

     

    Primeiro o prezo, despois contrato. 


    Que ninguén se engane: a única manifestación en defensa dos prezos é a do Sindicato Labrego Galego. 

     

    Moitas grazas pela vosa atención. 

    Saúdas do Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego 
    Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG
    TLF: 619 348 426