Por se non abondase semellante atrevemento dunha Consellaría que carece de políticas para o sector lácteo, resulta que os datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) correspondentes a novembro de 2017-e nos que basea Medio Rural o seu panexírico sobre o prezo do leite- contradín os publicados pola Comisión Europea a través do Observatorio do Mercado do Leite (Milk Market Observatory-MMO): mentres que o Fega establece o prezo medio do leite en España en 33’4 céntimos, o dato do MMO, tamén para novembro de 2017, é de 31’93 céntimos.
Máis alá da veracidade ou falsidade dos datos do Fega, dende o Sindicato Labrego Galego só podemos lamentar que a Consellaría de Medio Rural teña a pouca vergonza de fachendear dos prezos que cobran as nosas granxas cando no ano que vén de rematar pecharon 400 explotacións na Galiza e, durante o período analizado (2015-2017), a nosa terra ocupou o primeiro lugar no podio do prezo máis baixo do Estado e un dos peores de Europa, aparte de sufrir unha das crises de prezos máis agudas da súa historia.
De que nos serve ser a comunidade na que máis sobe en porcentaxe o prezo do leite se as nosas granxas seguen cobrando por baixo dos custes de produción? Certo que o prezo do leite medrou máis poncertualmente na Galiza que en Asturias e en Cantabria; pero mentres as nosas granxas cobraron en novembro unha media de 32 céntimos, segundo os datos dubidosos do Fega, as asturianas ingresaron 35’2 céntimos por litro, e as cántabras 33’2. Se cruzamos os Pireneos, a comparación é deprimente, con prezos medios que superan os 36 céntimos en Francia e Bélxica, ou superiores aos 40 céntimos en Holanda, Alemaña ou Austria. É dicir, Galiza segue a ter o prezo máis baixo do Estado, xunto coas Baleares; ao tempo que España ten o prezo máis baixo da Unión Europea xunto a Portugal.
Dispostas a facer cálculos como a Consellaría de Medio Rural, e sabendo que Galiza produciu 165.303 toneladas de leite en novembro de 2017, se as nosas granxas tivesen cobrado o prezo medio das asturianas terían ingresado máis de 5 millóns de euros adicionais do que cobraron por ese mes; se tivesen percibido o prezo medio da Unión Europea, 37’5 céntimos por litro, o incremento sería de 9 millóns de euros. Polo tanto, podemos dicir que as granxas galegas perderon de ingresar 9 millóns de euros en novembro de 2017 por non ter uns prezos acordes á media europea.
E un dato, a maiores, que igual lle interesa a Medio Rural e ao Ministerio de Agricultura: varias multinacionais leiteiras que operan na Galiza, aparte de non ter subido o prezo nos últimos meses, xa están anunciando novas baixadas para primavera.
Á vista dos datos, tanto o comunicado da Consellaría de Medio Rural como o informe do Fega veñen a demostrar que as responsables das políticas agrarias en Galiza e no Estado están máis preocupadas por maquillar a realidade que por facer algo para mudala e mellorala. Así nos vai.