Dende esta organización agraria coñecemos esta nova a través de fontes da propia Consellaría, onde argumentan que non hai unha demanda do sector para seguir apoiando unha liña de subvencións que supoñen un pulo importante para a economía das granxas que practican modelos mais sustentables de produción, vinculados ao territorio, especialmente das granxas de vacún de carne, dados os baixos prezos que perciben polas súas producións.
O Sindicato Labrego Galego, a través da súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, xa solicitara na última sesión do Consello Agrario Galego, celebrada o 21 de xuño, que a Consellaría de Medio Rural crease unha liña orzamentaria para prorrogar estas axudas. O motivo da petición viña dado porque, na conxuntura actual, na que se está preparando unha reforma da Política Agraria Común (PAC) e os orzamentos comunitarios para agricultura están temporalmente conxelados, faise necesario que sexa a propia Consellaría de Medio Rural a que adiante os cartos das axudas agroambientais para 2020 e 2021 de cara a garantir a súa continuidade. En Castela e León, por exemplo, crearon unha partida extraordinaria de 56 millóns de euros para facelo. Porén, semella que o departamento que dirixe José González quere suprimir directamente estas subvencións coa escusa de que o sector non demandou a súa continuidade, o cal é falso se atendemos as demandas do propio Sindicato Labrego Galego no Consello Agrario.
Para o SLG, este pode ser un síntoma máis das políticas de recortes da Xunta, cando non da máis pura incompetencia, que se están a cebar cos orzamentos de Medio Rural. O informe de contas que publicou a Consellaría de Facenda esta mesma semana é ben claro: Medio Rural, cun orzamento de case 514 millóns de euros, só executou 398 millóns. En total, deixou de gastar 116 millóns. No caso de organismos dependentes desta área, como a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a xestión é de escándalo: só executou o 51% dos 22 millóns que debía xestionar, deixando sen gastar 10 millóns de euros. Por funcións, as contas xerais da Xunta indican que, dos 146 millóns de euros previstos para “actuacións e valoración do medio rural”, quedaron sen gastar 30 millóns; e que en “dinamización económica do medio rural”, quedaron sen executar 75 millóns dos 325 orzamentados.
Con este nivel de incompetencia non son de estrañar feitos evidentes como o desmantelamento das oficinas agrarias comarcais. Tamén podería explicar prácticas administrativas que, aínda que legais, son eticamente reprobables. Un bo exemplo é que, nos últimos tempos, e sen aviso previo, a Consellaría de Medio Rural deixou de enviar notificacións ás persoas que solicitan axudas para que corrixan erros nas solicitudes ou acheguen documentos que faltan. Isto fixo que a moitas granxas se lles denegasen subvencións ao non recorrer en prazo. Semella que, a partir de agora, para saber se tes que recorrer unha resolución referente a unha axuda terás que ler todos os días o Diario Oficial de Galicia, xa que agora mesmo é o único medio de notificación (até agora, o normal era recibir un requerimento por correo certificado, comezando a contar o prazo de reclamación dende a data de recepción da carta).
Outro exemplo deste tipo de prácticas dirixidas a obstaculizar o acceso a subvencións é a imposición nas bases das axudas de prazos imposibles de cumprir para presentar a licenza municipal dos proxectos subvencionados.
Con prácticas administrativas como as devanditas, Medio Rural pode aforrar uns cantos miles de euros a costa dos labregos e das labregas denegándolles subvencións por fallos formais perfectamente corrixibles.
Finalmente, ademais de ser moi importantes para a economía de 4.000 granxas que poden cobran de media entre 3.000 e 4.000 € polas axudas agroambientais; cómpre lembrar que estas subvencións garanten prácticas agronómicas respectuosas co medio ambiente, o mantemento de zonas desfavorecidas de montaña, a xestión sustentable do territorio, a loita preventiva contra os lumes forestais en zonas de alta actividade incendiaria ou efectos paliativos contra o cambio climático. Por iso non entendemos que, dada a súa importancia, a Consellaría de Medio Rural teña intención de eliminalas. E menos mal que estamos na lexislatura do rural…