A encargada de dirixirse ás manifestantes foi a responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, Isabel Vilalba, quen denunciou que a reforma das pensións “provocou unha discriminación sen precedentes dos colectivos máis vulnerables, como o das mulleres que viven da agricultura”. Isto é así porque a reforma recortou os complementos mínimos que se destinan a complementar as pensións máis baixas; aumentou a idade de xubilación aos 67 nunha profesión, como a labrega, que deixa importantes secuelas físicas ao final da vida laboral; e se ampliou o tempo de cotización para poder cobrar íntegra a pensión á que se ten dereito a 37 anos. Respecto disto último, as estatísticas din que só un 5’5% de mulleres labregas chega a cotizar 35 anos, o que significa que o 94’5% das mulleres labregas restantes non terá dereito a cobrar integramente a súa xubilación. Por se non abondase, a partir do 2022, o cómputo para fixar a pensión de xubilación sairá da media dos últimos 25 anos cotizados (agora a media sácase dos últimos quince anos) o cal provocará que as pensións diminúan aínda máis. En resume: a reforma das pensións implica que as mulleres labregas van ter que cotizar máis para ter peores pensións.
Isabel Vilalba tamén criticou que se estea a instrumentalizar ás mulleres dende o Goberno, xa que se lle está dando publicidade a medidas que, en teoría, están destinadas a axudar ás mulleres máis desfavorecidas pero que, en realidade, de pouco serven. Vilalba puxo como exemplo a posibilidade de que as mulleres que sufren violencia poidan ter unha xubilación anticipada, o cal está ben; mais a pouco que se estuda a lei, descubrimos que esas mulleres que sofren violencia terán que ter cotizados, alomenos, 33 anos, para ter dereito a esa xubilación anticipada, co cal se volve a excluír ao meirande das labregas deste tipo de axudas.
A responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG lembrou que unhas das formas de violencia que máis sofren as mulleres é aquela que ten que ver coas condicións económicas precarias. A violencia económica xa ten sido denunciada pola propia ONU, e as medidas que está a levar adiante o Goberno coa reforma das pensións son todo un ataque de violencia económica que terá un impacto dramático nas mulleres que traballan nas explotacións agrogandeiras do noso país.