Novas

  • Lidia Senra presentará mañá, no marco das fortes mobilizacións sociais previstas en Annecy, a ponencia “Que políticas agrarias son necesarias para alimentar o mundo?”

    Lidia Senra presentará mañá, no marco das fortes mobilizacións sociais previstas en Annecy, a ponencia “Que políticas agrarias son necesarias para alimentar o mundo?”

    • 19,Set 2008
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    O Sindicato Labrego Galego, canda as demais organizacións agrarias que formamos parte da Coordenadora Europea da Vía Campesiña, e numerosos colectivos agrarios e sociais, vimos de organizar un programa de actividades paralelo a esta reunión co que esixiremos perante dos gobernantes europeos unha agricultura para podermos vivir, cunha política agraria europea lexítima e solidaria. 

    Lídia Senra Rodríguez, membro do Comité de Coordinación da Coordenadora Europea Vía Campesiña, e Xosé Ramón Cendán, ámbolos dous membros da Executiva do SLG, encabezarán a delegación do Sindicato Labrego. 

    Asemade, Lídia Senra, presentará o sábado ás 16:30 a ponencia “¿Que políticas agrarias son necesarias para alimentar o mundo?”, no marco do programa de conferencias deseñado pola Coordenadora Europea Vía Campesiña. 

    O SLG participará tamén na multitudinaria manifestación que terá lugar o domingo 21. 

    A PAC que as organizacións agrarias e sociais esixiremos esta fin de semana en Francia, representa a loita pola produción dunha alimentación de calidade, segura e accesíbel para todas e todos. 

    Como sempre reiteramos dende o Sindicato Labrego Galego, o achegamento entre consumidoras/es e productoras/es, así como o fomento de pautas de consumo responsábel, son imprescindíbeis para susentar esta nova PAC. 

    Por que esta mobilización? 

    A crise mundial dos prezos alimentarios, destacada brutalmente polos motíns da fame que se veñen sucedendo dende principios de ano, ten a súa orixe na simultaneidade de varias causas. 

    Primeiramente, as colleitas do 2006 e do 2007, tamén agora as do 2008, estanse a ver afectadas pelos riscos e cambios climáticos. Por outra banda, a competición salvaxe entre as colleitas destinadas á alimentación e as destinadas a agrocombustíbeis industriais vén de empeorar fortemente a situación. 

    Mais, sobor de todo, a raíz deste problema consiste na desregularización dos mercados, manexados pelos nosos gobernos a través da Organización Mundial do Comercio (OMC), do Banco Mundial (BM), do Fondo Monetario Internacional (FMI), e da Unión Europea. 

    Tras o “chequeo” da Política Agrícola Común no 2008, a presidencia francesa da UE, enceta nesta fin de semana en Annecy o debate institucional que sentará as pautas da política agrícola até 2013. 

    Unha agricultura para vivir. Cambiemos a PAC. 

    Para o SLG e as demais organizacións integrantes da organización mundial Vía Campesiña, a política agraria europea habería de ser unha ferramenta para regular mercados e parar o empobrecemento e desaparición das labregas e labregos, xa que unha verdadeira e efectiva Política Agraria Común deberá favorecer unha agricultura labrega, aforradora de recursos naturais, composta de pequenas e medianas explotacións. 

    Par acadar este obxectivo, cómpre repartir máis equitativamente o apoio público entre as explotacións, entre os sectores e entre os países. O emprego agrícola e rural ten que ser unha das súas prioridades. 

    Para iso, é importante relocalizar as producións e dar a prioridade ao comercio local e rexional, ao tempo que se protexe a fertilidade do chan e a súa biodiversidade. 

    Unha PAC xusta, ten moito que traballar na súa aportación aos países en vías de desenvolvemento, e habería de favorecer a agricultura dos países do Sur prohibindo toda exportación por baixo dos custos de producción. 

    Esta política agrícola é a única capaz de aceptar os desafíos alimentares, sociais e medioambientais que arestora forman parte dunha problemática que afecta, inda que desigualmente, a toda a poboación mundial. 

    Moitas grazas pela vosa atención. 

    Saúdas do Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego

    Dende hoxe até o fin das mobilizacións poderedes contactar con 
    Lidia Senra : 609 845 861 
    Xosé Ramón Cendán: 619 900 002 

    Máis información en www.changeonslapac.org