No Foro de Krems, preto de 400 delegadas e delegados, pertencentes a 120 organizacións sociais de 34 estados europeos, comprometéronse a fortalecer a súa capacidade mutua para reclamar un control da cidadanía sobre os sistemas alimentarios, para enfrontarse ao sistema agroindustrial e para expandir e consolidar un movemento europeo forte en favor da soberanía alimentaria, que é o dereito que ten cada pobo a producir os seus propios alimentos e a definir democraticamente as súas políticas agrarias.
Senra e Vilalba participaron en todos os debates do foro, nos que se falou dos impactos das políticas europeas e globais de hoxe en día. Os e as participantes desenvolveron unha ampla alianza e un conxunto de principios para acadar a soberanía alimentaria en Europa. O foro subliñou a achega da xente moza, das mulleres e dos produtores e produtoras de alimentos, cuxas preocupacións, de cotío, non son tidas en conta.
A diversidade e a riqueza das experiencias permitiu ao Foro Europeo de Nyéléni 2011 identificar un marco común e definir un plan de acción conxunto, baseado nun proceso democrático e participativo, que se concretou na primeira Declaración Europea pola Soberanía Alimentaria (achégase o documento íntegro) que senta as bases do traballo futuro de todas as organizacións participantes de cara a que a soberanía alimentaria se converta nun piar fundamental das políticas agrarias e alimentarias de todos os pobos da terra.
A declaración proclama o convencemento de que “unha mudanza no sistema alimentario é o primeiro paso cara a un cambio máis amplo nas nosas sociedades”. As persoas delegadas do foro comprometéronse cunha activa e definitiva participación no sistema alimentario mediante:
Nesta época de déficit democrático e de crise económica e social, as delegadas e os delegados do foro de Nyéléni coincidiron á hora de defender os dereitos das persoas a definir os seus propios sistemas e políticas agrícolas e alimentarias, sen prexudicar á xente ou aos nosos escasos e prezados bens comúns, segundo os principios da soberanía alimentaria.
É por iso que esiximos soberanía alimentaria xa!