Lidia Senra, que tomou parte no encontro en representación da Coordinadora Europea da Vía Campesina, defendeu unha reforma profunda da PAC que estea baseada no dereito á soberanía alimentaria de todos os pobos, no marco dunha produción sustentable, segura, nutritiva, variada e adaptada ambiental e culturalmente. Tamén defendeu Senra, en nome das organizacións que integran a Coordinadora Europea da Vía Campesina, que se regulen os mercados agrarios para rematar co contexto actual de prezos de miseria que están a sufrir todos os sectores produtivos e que está a provocar o peche de miles de explotacións agropecuarias cada ano.
“O resultado de continuar cunha PAC cuxo obxectivo é desregular o mercado”, advertiu Senra, “coñecémolos de abondo: prezos agrarios á baixa, miles de millóns do erario público en axudas para que os labregos e as labregas poidan sobrevivir malvendendo o produto do seu traballo a prezos por baixo dos custes de produción, e as multinacionais e grandes distribuidoras da alimentación amasando beneficios millonarios grazas aos nosos impostos e ao esforzo das explotacións. Unha fórmula perfecta para que na Unión Europea, e na Galiza, continúen pechando miles de explotacións e se desertice aínda máis o medio rural”.
Precisamente, ese é o mal que padece dende hai décadas o sector leiteiro, para o cal tamén reclamou Lidia Senra a súa regulación a través do control da produción e do establecemento dun prezo mínimo universal que cubra os custes de produción e garanta a viabilidade económica das explotacións que aínda seguen en activo na Unión Europea.