Para o Sindicato Labrego Galego trátase dunha boa nova que non se tería producido sen a valentía e perseveranza destas 7 explotacións que se atreveron a denunciar uns impagos sufridos por moitas máis granxas espalladas por toda a xeografía galega que preferiron manterse caladas. Grazas a estas 7 explotacións das comarcas de Fisterra, Ordes e Arzúa, o Clan do Sangiao ficou desenmascarado diante da sociedade e as súas prácticas empresariais mafiosas denunciadas publicamente.
Todo o vivido durante estes tres anos de loita, debe facernos reflexionar sobre o feito de que unha empresa, con condenas xudiciais firmes por estafar a varias explotacións lácteas, puidese seguir operando no mercado impunemente durante todo este tempo e mesmo obtendo do Ministerio de Agricultura novas licenzas de primeiro comprador que foron utilizadas para desmantelar Lácteos Tambre, comerciar con outras firmas e eludir así a acción da xustiza. Dende o Sindicato Labrego Galego queremos facer un chamamento aos poderes públicos para que episodios coma este non se volvan repetir, xa que sentan un perigoso precedente que pode animar a outros empresarios sen escrúpulos a estafar e extorsionar explotacións gandeiras. Algo tan simple como non conceder licenzas de primeiros compradores a empresas que estean inmersas en procedementos xudiciais por impagos ou que leven a cabo prácticas comerciais como as perpetradas por Lácteos Tambre, sería suficiente para que empresarios como os Sangiao o pensasen dúas veces antes adquirir varias cisternas de leite para despois non pagalas.
Fican atrás varias manifestacións, tentativas de negociación, xuntanzas ao máis alto nivel na Consellaría de Medio Rural e no Parlamento, batallas xudiciais no xulgado de Ordes, lamentables episodios de ameazas e agresións, etc. Aínda que o Clan dos Sangiao ten pendente abonar as costas e os xuros do proceso xudicial provocado pola súa teima en non pagar, dende o Sindicato Labrego Galego congratulámonos de que as explotacións afectadas cobrasen, por fin, as entregas de leite que venderon hai máis de 3 anos e que sigan apostando por manter a súa actividade profesional no medio rural a pesares deste tipo de prácticas empresariais e do esquecemento e desaires da administración.