Como La Vía Campesina, unímonos a todas as mulleres, pobos e identidades diversas que resisten, se organizan e loitan por acadar sociedades xustas, igualitarias, solidarias, dde amor pleno e respecto.
Nun escenario de violencia estrutural, fascismo e retrocesos de dereitos para a clase traballadora, e de maneira específica, para as mulleres, ano tras anos sentimos máis forte a man de quen explota, de quen acosa, de quen mata a pobres, mulleres e loitadores e loitadoras sociais.
É alarmante como medran as estatísticas sobre violencia física e sexual cara ás nenas, mulleres e identidades diversas a escala global. As violacións e feminicidios acontecen nunha atmosfera de impunidade e inxustiza da man do sistema machista e heteropatriarcal. Ademais, vemos con preocupación unha serie de retrocesos en canto a dereitos laborais e sociais, así como aumentan as cifras de mulleres en empregos temporais, cada vez máis precarizados e extenuantes.
As mulleres migrantes, desprazadas e en territorios en conflito, hoxe son vulnerábeis e están expostas a todo tipo de violencias e violacións dos seus dereitos, moitas usadas coma obxectos de guerras, obrigadas a servizos sexuais e vítimas de torturas para sobrevivir. Este ano, ademais, denunciamos a desaparición sistemáticas de lideresas sociais perseguidas, encarceradas e asasinadas pola súa loita en defensa dos seus territorios e dos seus dereitos en países como Brasil, Colombia, Honduras e Filipinas.
É por iso que La Vía Campesina, durante esta xornada, ratifica a súa consigna que expresa a tarefa política de dicir: Basta de violencia contra as mulleres! Tamén se mantén no seu compromiso de realizar accións, loitas permanentes e cotiás de enfrontamento a toda forma e expresión de violencia cara ás mulleres, como parte de afirmar a campaña internacional “Basta de violencia contra as mulleres” asumida como movemento en 2008.
Neste senso, como La Vía Campesina chamamos ás nosas organizacións membros, amigos e amigas e persoas e outras organizacións aliadas a unirse a esta semana de loita do 25 ao 30 de novembro realizando e organizando xunto a outros colectivos e movementos marchas, foros, feiras e demais accións de denuncia para esixir aos estados políticas públicas a favor dos nosos dereitos. Cómpre construír mecanismos de punición dos agresores e de acollemento das vítimas para crebar o ciclo da violencia contra a vida das mulleres.
Por parte da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, colaboramos en Compostela cun obradoiro de traballo que organiza a Asociación Labregas baixo o título “Procesos xudiciais nun entorno machista”. Nesta actividade, que se celebrará o martes 26 de novembro, contaremos tamén coa Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, e reflexionarmos sobre os procesos de denuncia, acompañamento, informes, etc. en relación á violencia machista e analizaremos como se manifesta todo isto no entorno rural.