Novas

  • IX Congreso: aposta por un modelo agrario cuxa dimensión a marquen as persoas e non o lucro das grandes empresas

    IX Congreso: aposta por un modelo agrario cuxa dimensión a marquen as persoas e non o lucro das grandes empresas

    • 13,Mar 2016
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Isabel Vilalba Seivane Do relatorio sindical que defendeu Isabel Vilalba Seivane xa demos conta nun  texto anterior.

    Adolfo Cabarcos Tras dela, o primeiro en falar foi Adolfo Cabarcos, responsábel dos sectores gandeiros e vocal na IXP Tenreira Galega. Cabarcos denunciou a crise xeneralizada que están a vivir os sectores gandeiros, algúns dos cales -como o cunícola, o porcino, o avícola ou o leiteiro- están a vender as súas produción por baixo de custes. Aínda que contextualizou esta problemática na crise global que vive a economía, cunha caída do poder adquisitivo e do consumo de carnes por parte da poboación, responsabilizou directamente ás políticas territoriais que se están a desenvolver dende a Xunta, co fomento do cultivo masivo de eucalipto, e que deixan sen base territorial ás granxas. Como contraste, Adolfo Cabarcos falou das boas cifras da IXP Tenreira Galega, que medrou en vendas, número de explotacións e reses sacrificadas, un feito que demostra que o futuro está nas producións extensivas e de calidade.

    Bernardo Estévez Seguiu Bernardo Estévez, responsábel do sector do viño, que expresou a súa aposta pola viticultura tradicional e as pequenas adegas familiares. Para Estévez, este modelo “para as persoas” é o único que permite vivir ás persoas do seu traballo e posibilita que poidan continuar vivindo no medio rural. O contrario, un modelo industrial de grandes adegas que mercan uva a baixo prezo, non xera riqueza nin mantén un medio rural vivo por moito mercado que conquiste e por moito que venda. Pola contra, o futuro do sector vitícola só pasa por prezos xustos para a uva, condicións dignas de traballo reflectidas nos contratos, calidade e ligazón do viño ao seu territorio; respecto disto último, aínda recoñecendo a necesidade e utilidade das denominacións de orixe, para Bernardo Estévez as actuais DOs non están a funcionar e só traballan para defender os intereses dunha minoría. “Algo funciona mal na Galiza”, aseverou, “cando tendo cinco denominacións de orixe propias o viño máis vendido é un Rioxa”.

    Belén Fervenza A encargada de falar do sector de horta foi a súa actual responsábel, Belén Fervenza, que advertiu que cada vez hai menos labregos e labregas producindo alimentos a pesares de que as nosas necesidades alimenticias como sociedade segue a ser a mesma. Neste senso, a mensaxe de Fervenza non foi a de conquistar horizontes utópicos, senón a de recuperar o que sempre tivemos, como a capacidade dos labregos e labregas de Galiza de alimentar o pobo galego -“Isto foi posible no pasado, e é posible hoxe”-, ou recuperar os espazos para a venda directa que sempre exisitiron, como feiras e mercados. Todos estas son partes dunha demanda xeral do Sindicato Labrego Galego que se condensa no concepto de soberanía alimentaria, isto é, o dereito dos labregos e labregas de Galiza a alimentar ao pobo galego. Unha alternativa que garantizaría un mundo rural vivo e xerador de riqueza como alternativa ao modelo actual que está a destruír e desertizar o campo e a facernos cada vez máis dependentes das importacións alimentarias doutros países.

    Lupe Prado A nivel sectorial, a última en falar foi Lupe Prado, responsábel do sector leiteiro, que apelou ao sentimento da afiliación para erguer o ánimo nestes tempos de tremendas dificultades e incerteza para o sector. Prado lembrou o caso dun gandeiro, nas mobilizacións recentes, que lle comentou que apoiaba coa súa presenza os bloqueos ás industrias de varios días a pesares de estar cobrando o leite por riba dos 30 céntimos “porque non podo ficar parado cando aos meus veciños os están afogando pagándolles o leite a 20 céntimos”. Lupe Prado apelou a este espírito solidario para afrontar estes tempos difíciles e reivindicou a autoorganización e iniciativa dos gandeiros e gandeiras, máis alá de estar apoiados por unha organización coma o Sindicato Labrego Galego.

    María Ferreiro Alén dos sectores produtivos, houbo relatorios sobre as mulleres e a mocidade por parte dos responsábeis destas áreas no SLG: María Ferreiro e Daniel Rodicio. Mentres que a primeira subliñou como principais loitas das labregas o rexeitamento da violencia machista, a titularidade compartida nas explotacións e a cotización á Seguridade Social das profesionais do agro; o segundo denunciou un sistema agroalimentario que se ceba cun sector da poboación especialmente damnificado pola crise e que exiliou 160.000 mozos e mozas como emigrantes no estranxeiro e condena ao paro a máis do 50% da mocidade.

    Daniel Rodicio Para Daniel Rodicio, os poderes económicos son inmunes ás protestas e argumentos das organizacións sociais ou dos partidos políticos antisistema; sen embargo, hai unha cousa que lles dá medo: que a sociedade comece a construír en positivo, que se organice baixo principios como a solidariedade, que pouco a pouco sexamos máis quen demandemos unha alternativa económica que non se basee na ambición, no egoísmo ou na depredación que propugna o actual sistema.