Novas

  • Isabel Vilalba pediu mecanismos de control do mercado e que garantan prezos no Comité Consultivo do Leite da UE

    Isabel Vilalba pediu mecanismos de control do mercado e que garantan prezos no Comité Consultivo do Leite da UE

    • 10,Xul 2012
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Neste Comité Consultivo presentáronse informes sobre a situación do mercado lácteo na Unión Europea que revelaron que se produciu un incremento importante e xeneralizado na produción do último ano centrado, en gran parte, en países como Polonia, Alemaña e Francia; e que pode andar entre o 2% e o 3%, o que supón varios millóns de toneladas de leite. Nembargante, en canto á demanda, as vendas de lácteos seguen estancadas, ou mesmo en retroceso en produtos coma o queixo ou a manteiga, polo que o aumento de produción neste contexto de mercado pode agravar aínda máis a situación crítica do sector produtor.

    Isabel Vilalba, dende a ECVC, pediu que diante deste desequilibrio crecente entre a produción e a demanda, se articulasen mecanismos de control do mercado como alternativa á liberalización do sector á que se está indo coa eliminación do sistema de cotas e que, á vista destes datos, é unha política manifestamente errónea.

    En canto ás medidas do paquete lácteo, que entrará en vigor o 3 de outubro, Isabel Vilalba dixo que “segue sen dar garantías nas relacións comerciais ao sector produtor. Por iso, este paquete lácteo debería articular algún sistema de mediación que evite que as industrias e as grandes distribuidoras sigan impoñendo unilateralmente os prezos que lles conveña e que, en caso de que isto aconteza, se poida intervir para evitar que se pague o leite con valores que non cobren, nin sequera, os custes de produción nas explotacións”.

    Como alternativa a este paquete lácteo, Vilalba e a ECVC propoñen medidas como a negociación colectiva dos prezos en interprofesionais onde estean representados todos os axentes do sector, ou un sistema de control da produción que adapte esta á demanda existente en cada país da Unión Europea.