Nesta ocasión, Isabel Vilalba aproveitará para denunciar os resultados catastróficos de termos un sector completamente desregulado dende o final do sistema de cotas, sen ningún tipo de control sobre a produción, e con marcos lexislativos que deixan ás granxas completamente indefensas diante das prácticas comerciais abusivas das industrias. E o exemplo que porá será o galego: prezos medios ao redor dos 27 céntimos, máis do 10% das granxas arruinándose ao regalar o leite a prezos de 17 e 18 céntimos, inseguridade na recollida do produto e industrias que perpetran estes abusos sen temor a ningún tipo de castigo legal ou político.
Cómpre lembrar que en anteriores xuntanzas do Observatorio Europeo do Mercado do Leite, e doutros foros como o Grupo de Diálogo Civil do Sector Lácteo, nos que ten participado Isabel Vilalba, a Comisión Europea expuxo unhas previsións para o sector lácteo que contemplaban concentrar a produción en determinadas rexións comunitarias a costa de facela desaparecer doutras. E Galiza estaría entre as últimas se analizamos feitos como que se lles estea a impedir ás nosas granxas producir máis, cando noutras rexións do Estado como Andalucía estase a aumentar a produción e a pagar prezos por riba dos 35 céntimos. De feito, na última xuntanza do Grupo de Diálogo Civil do Sector Lácteo, a mediados de maio, estimábase que algunhas rexións da Unión Europea ían aumentar a súa produción de leite en 12 millóns de toneladas na vindeira década.
Para a secretaria xeral do SLG “é un auténtico escándalo que se estea a traballar nunha política que se basea na desaparición de miles de explotacións para sobredimensionar e concentrar a produción nas restantes. O máis triste é que os nosos dirixentes, nomeadamente dende o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Rural, estean enganando ao sector ao defender as bondades da desregulación e da eliminación de calquera control sobre a produción e os mercados, ou cando gaban a fin do sistema de cotas e nos queren facer crer que é unha oportunidade, sabendo que, en realidade, é o certificado de peche de miles de explotacións na Galiza e en toda Europa”.