Dunha sesión máis breve do habitual, a secretaria xeral do SLG destacou que se nomearon novos presidente e vicepresidente para que as cousas sigan coma antes. Respecto disto, Isabel Vilalba aclarou que “a presidencia e a vicepresidencia seguen ocupadas por representantes da industria e do comercio, e o sector industrial é, precisamente, o que está maiormente representado neste órgano consultivo para velar polos seus propios intereses, normalmente contrarios aos dos labregos e das labregas e da cidadanía. E o mesmo acontece coa nova Comisión Europea, cos gobernos e cos dous grandes partidos políticos que pactaron a súa composición. Todos traballan en complicidade para manter o status actual no que industrias e distribuidoras exercen unha posición de abuso e dominio na cadea comercial”.
Así, no Grupo de Diálogo Civil achegáronse datos do sector que confirman o que todos e todas sabemos: que na Unión Europea tódolos países -agás Grecia- están producindo por riba da súa cota láctea asignada (un incremento global do 5’6%), que a supertaxa se vai aplicar con total seguridade de acordo coa lei vixente, que o veto ruso afecta ao 1,5% da produción leiteira europea ou que mercados coma China seguen a esborrallarse, polo que non hai perspectivas de que o exceso de produción vaia ser absorbido porque non hai demanda para facelo. Agora mesmo xa se están a dar serios desaxustes entre a oferta e a demanda, cun derrube paulatino dos prezos que se vén producindo dende comezos de ano e que está a deixar ao meirande das explotacións con prezos por baixo dos custes de produción. A pesares da gravidade da situación, que se agudizará a partir de abril de 2015 coa fin do sistema de cotas, a Comisión Europea segue sen tomar ningunha medida efectiva e sen impulsar ningunha acción lexislativa para solucionar este grave problema que ameaza un sector estratéxico para o medio rural de toda a Unión Europea e sen que os diversos gobernos estatais ou rexionais fagan nada tampouco por evitalo. “Este problema semella non preocupar á nova Comisión Europea nin aos gobernos e partidos políticos que pactaron a súa composición”, asegurou Isabel Vilalba, “o único obxectivo desta xente é manter as actuais condicións de cara a garantir que a industria siga tendo materia prima barata para facer negocio, sen importar que iso poida supor a destrución de miles de postos de traballo ou o desmantelamento do tecido socio-económico en amplas zonas rurais comunitarias como Galiza”.
En nome da Coordinadora Europea da Vía Campesina, Isabel Vilalba expresou as súas críticas e o seu rexeitamento á actitude suicida da Comisión Europea para co sector lácteo, e abstívose de votar os novos nomeamentos.