O panorama debuxado resulta desalentador, pois se constatou un aumento considerable da produción de leite que non foi aparellado a un incremento nin da demanda nin do consumo. Países como Francia advertiron do grave risco que se corre de que este desequilibrio entre a oferta e a demanda derive nunha creba do sector a nivel europeo.
Dende que se comezou a aplicar o desmantelamento do control da produción, xa se produciu unha forte crise no ano 2009 e, dende aquela, os prezos apenas se recuperaron. Fronte a este estancamento dos prezos á baixa, os custes para as explotacións non pararon de incrementarse (gasóleo, electricidade, abonos, alimentación animal…), poñendo en grave risco a súa viabilidade económica.
Outro dos fracasos que se está a constatar na política leiteira comunitaria é a negociación de prezos e a formalización de contratos entre as industrias e as explotacións. Países onde se están a formalizar contratos con normalidade, como Francia ou Suíza, constataron que os xigantes da industria, como Nestlé ou Lactalis, son os que acaban impoñendo os prezos e as condicións que máis lles conveñen. Neste contexto, a intención da Comisión Europea de fragmentar o poder negociador das explotacións en asociacións de produtores vai a agravar aínda máis este problema de desigualdade entre as partes, debilitando a capacidade negociadora das explotacións e facendo aínda máis difícil acadar un prezo digno para o leite. De seguir por ese camiño, a Comisión Europea fará posible que se perpetúen, ou mesmo que empeoren, os datos da cadea de valor do sector lácteo que se fixeron públicos onte en Bruxelas: mentres que as explotacións se quedan con pouco máis do 20% do prezo final do leite, as industrias ingresan máis do 30% e as distribuidoras embolsan o 42%.
Fronte a todo isto, Isabel Vilalba, en nome da ECVC e do Sindicato Labrego Galego, defendeu unha nova política leiteira baseada en tres piares fundamentais: