Novas

  • Iniciativas colectivas de transformación cárnica: todo un exemplo de innovación a pequena escala

    Iniciativas colectivas de transformación cárnica: todo un exemplo de innovación a pequena escala

    • 28,Abr 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments

    A “Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria” (RITA), que conta co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso, realiza as primeiras visitas técnicas a propostas cooperativas que elaboran produtos cárnicos locais e sostíbeis – ambiental, social e economicamente -.

    RITA organizou unha serie de pílulas formativas en liña co obxectivo de ofrecer as principais pautas sobre como iniciarse no sector da transformación alimentaria a pequena escala ou artesanal. Serán o 7, 14 e 21 de maio, ás 18.30 h. e calquera persoa pode inscribirse nesta ligazón: https://linktr.ee/rita_taapa

    O equipo que promove a “Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria” (RITA), xunto a un nutrido grupo de gandeiros e gandeiras, persoas vinculadas a desenvolvemento rural ou administracións locais e profesionais do sector, visitaron dous centros de transformación cárnica, de carácter colectivo, que representan unha innovación á hora de favorecer a substitución xeracional no sector gandeiro, mellorar a súa viabilidade, promover un desenvolvemento rural sostíbel e favorecer o acceso da poboación a alimentos sostíbeis e de calidade. Belardi, en Urduña (Bizkaia) e a cooperativa Kalaska, na comarca navarra de Sakana, foron as iniciativas escollidas. Estas exemplifican o que dende RITA entendemos como innovación na pequena transformación alimentaria. Exemplos que é posíbel replicar noutros territorios.

    Precisamente, a falta de infraestruturas adaptadas á gandería extensiva a pequena escala e a escaseza de canles de venda directas, levou a asociacións de desenvolvemento local, xunto ás de gandería extensiva locais, a impulsar estas iniciativas colectivas como son pequenos matadoiros, salas de despece e de procesado. Tal e como se mostrou nas visitas coa RITA, son proxectos especializados que fan posíbel poñer en valor a produción local, conectar cun consumo de proximidade á vez que revitalizar o territorio onde se sitúan.

    “Transformación alimentaria que tamén transforma o territorio: Belardi e Kalaska”

    O aumento de custos para as ganderías, a centralización de servizos en grandes empresas agroalimentarias e, con iso, a perda de empregos no medio rural, son suficientes dificultades que, nos casos de Belardi e Kalaska, converteron nunha oportunidade para revitalizar o tecido social das localidades onde se sitúan. Estas iniciativas colectivas innovadoras, aínda incipientes pero con perspectivas de ser resilientes, é o que a RITA quere visibilizar.

    Iniciativas colectivas de transformación cárnica: todo un exemplo de innovación a pequena escala

    Por iso, o primeiro día de visita foi xunto á Asociación Bedarbide, que reúne a máis de 30 ganderías extensivas, gran parte ecolóxicas, de Urduña e comarca. Bedarbide é a impulsora do centro de transformación cárnica Belardi, inaugurado en setembro de 2024, e composto por un matadoiro multiespecie flexibilizado, sala de despece, obradoiro de cárnicos, cociña de 5ª gama, punto de venda directo á cidadanía e sala de formación. Actualmente, realizan sacrificios dous días á semana, o resto elaboran, teñen contratadas a tres persoas neste espazo de transformación e contan con usuarios de todos os puntos de Euskadi e mesmo, até de Castela e León. En definitiva, o centro Belardi está a crear oportunidades para as futuras xeracións así como fortalecendo a contorna rural onde se sitúa.

    Hai que destacar que o municipio de Urduña leva máis de dúas décadas traballando nun proceso de transición agroecolóxica, servindo de exemplo de como a agroecoloxía e as metodoloxías participativas constitúen o marco de traballo idóneo para a construción da soberanía alimentaria.

    Iniciativas colectivas de transformación cárnica: todo un exemplo de innovación a pequena escala

    En canto á segunda visita, o grupo da RITA desprazouse até a comarca de Sakana, en Navarra, para visitar a cooperativa Kalaska. Esta iniciativa colectiva comezou a tecerse en 2018 por un grupo de persoas produtoras xunto á Asociación de Desenvolvemento Rural da comarca, que identificaron a necesidade de poñer en valor as súas producións de carne, en concreto, de vacún, ovino e cabalar.

    Para iso propuxéronse outro obxectivo estratéxico: manter vivo o pequeno matadoiro local, ampliando as súas instalacións cunha sala de despece/obradoiro (xa en 2021) na que se realizan pequenas elaboracións, empaquetados ao baleiro e venda directa.

    Kalaska consolidouse, en 2023, como unha cooperativa público-comunitaria de servizos (matanza, despece e elaborados), sen ánimo de lucro, que xestiona o matadoiro e o obradoiro e ofrece venda directa de produtos locais e sostíbeis a consumidores e carnicerías da zona. Actualmente está formada por 7 ganderías socias (6 na comarca e un Espazo Test Agrario na veciña Sierra de Andía) e aspira a seguir consolidando proxectos gandeiros a pequena escala, revalorizando os seus produtos, mellorando a súa rendibilidade e con iso, ofrecendo a oportunidade a mozas e persoas emprendedoras, a iniciar novos proxectos de transformación alimentaria na súa comarca.

    Ambos os exemplos, Belardi e Kalaska, representan a iniciativas innovadoras de transformación cárnica a pequena escala que permiten a venda directa e de proximidade de alimentos saudábeis e sostíbeis, a prezos xustos e que, ademais, inflúen positivamente no emprego e, por tanto, no desenvolvemento rural.

    Co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso, a “Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria” (RITA) prepara máis accións baseadas na co-xeración de coñecemento para facilitar a replicabilidade destas innovacións colectivas na transformación de alimentos.

    Próximas pílulas formativas en liña de RITA

    A RITA lanza 3 pílulas formativas en liña co obxectivo de ofrecer as principais pautas sobre como iniciarche no sector da transformación alimentaria a pequena escala ou artesanal. Tamén en clave colectiva e da man de experiencias exemplares! Estas son:

    1. CLAVES PARA INICIAR UNHA ACTIVIDADE DE PEQUENA TRANSFORMACIÓN ALIMENTARIA

    Mércores 7 maio ás 18.30 h. – con Belardi e Sabor Verato

    Inscricións: https://forms.gle/VewASvtW45LUAYLy6

    2. COMO PODO COMPARTIR O MEU ESPAZO DE ELABORACIÓN DE ALIMENTOS?

    Mércores 14 maio ás 18.30 h. – coa Brostada

    Inscricións: https://forms.gle/DhUD46HTm4oZKP1K9

    3. OPTIMIZACIÓN DE PROCESOS DUN OBRADOIRO DE CONSERVAS

    Mércores 21 maio ás 18.30 h. – con Fernando Martínez Sierra

    Inscricións: https://forms.gle/xeUu8CZ4g33A68v59

    Todas teñen unha duración aproximada de 2 h. e son gratuítas.

    Iniciativas colectivas de transformación cárnica: todo un exemplo de innovación a pequena escala

    Sobre a Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria (RITA)

    RITA quere favorecer o desenvolvemento profesional, cultural e económico de iniciativas ligadas á transformación de materias primas producidas nas propias granxas ou leiras e a súa comercialización, ben sexa directa ou a través de canles curtas.

    RITA conta co apoio e acompañamento da Fundación Daniel e Nina Carasso a través do seu eixo Alimentación Sostíbel, contribuíndo á transformación da sociedade cara a un modelo máis ecolóxico e inclusivo e un desenvolvemento en plenitude.

    ARCA (Associació d’Iniciatives Rurals i Marítimes de Catalunya), Germinando, Extremadura Alimenta, Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL), SEAE (Sociedad Española de Agricultura Ecológica y Agroecología) e ISEC-UCO (Instituto de Sociología y Estudios Campesinos – Grupo PAIDI SEJ 179 da Universidade de Córdoba) son as entidades impulsoras desta Rede.