Esa conversa inicial propiciou un rico debate entre os asistentes que, paseniño, foi definindo diversos retos e problemáticas relacionadas coa comercialización. Coincidiuse na necesidade de crear redes máis globais na Galiza que reforzasen á parte produtora naqueles eidos do seu traballo onde, habitualmente, hai máis debilidades, como a distribución e a venda.
Tamén se cuestionaron algunhas limitacións do Consello de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que esixe requisitos e custes moitas veces inasumibles que obrigan a moitas fincas e granxas agroecolóxicas a ter que vender os seus produtos sen certificación. Neste senso, coincidiuse en que está a ser moi positiva a creación de sistemas participativos de garantía como o do Mercado da Terra (Lugo) ou A Gavela (Pontevedra), que supoñen alternativas sólidas de cara a garantir o carácter agroecolóxico de moitas producións. Precisamente, aumentar o ámbito destas experiencias para que se poidan beneficiar delas granxas e fincas de toda Galiza foi unha demanda expresada no Foro que cada vez máis ampla no sector.
Os atrancos existentes en moitos concellos á hora de crear mercados de produtos agroecolóxicos ou de acceder aos que xa existen tamén foron obxecto de crítica. Neste senso, considerouse indispensable realizar un traballo a nivel institucional para eliminar estas trabas. De cuestións como as devanditas, xorde a necesidade de realizar un traballo institucional para que as diversas administracións sexan unha axuda e non un atranco para as producións agroecolóxicas.
A xeito de resume, no Foro fíxose o seguinte guión que enumera as conclusións desta conversa entre produción e consumo:
