Na mañá de hoxe o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) levou adiante unha concentración reivindicativa fronte á sede da Consellaría do Medio Rural en Ourense para demandar á Xunta de Galicia que, ademais de cubrir a morte dos animais, lexisle con carácter inmediato para cubrir o 100% os gastos veterinarios derivados da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), así como o lucro cesante provocado tanto pola perda produtiva dos animais que falecen como polos que finalmente sobreviven.
A doenza do EHE está a ser dramática e imparable, algunhas explotacións teñen máis do 80% da cabaña gandeira afectada. O persoal veterinario de clínica que se adica a animais de gando maior é moi pouco, e estase a ver moi desbordado.
Canda estas dificultades, nesta época ademais estase en plena campaña de recollida de forraxe e as granxas non dan abasto entre atender aos animais enfermos e á recollida de herba seca. Como moitas das explotacións afectadas están en extensivo, ao recoller aos animais para as mangas de manexo para os tratamento de repelentes antimosquitos de forma periódica os animais estrésanse e existe unha dificultade engadida para a súa recollida.
Agora mesmo na provincia de Ourense obsérvase que a doenza avanza de forma moi rápida e descontrolada e a incertidume e a preocupación das granxas é moi grande. A nivel de toda Galiza, dende o SLG estimamos que a día de hoxe o conxunto das perdas poden chegar a superar 20 millóns de euros para todas as granxas que se van ver afectadas.
As persoas gandeiras reunidas hoxe en Ourense, e outras moitas non puideron asistir precisamente por estar atendendo e coidando o seu gando enfermo, esiximos de xeito inmediato as administracións públicas implicadas, é dicir, ao Ministerio de Agricultura e á Consellería de Medio Rural:
As labregas e labregos de este país e en especial da provincia de Ourense estamos volver a dar unha lección de coraxe e solidariedade a quen sempre nega as evidencias, nin recoñece o noso traballo.
So quen nunca viviu, coidou, se aledou ou se entristeceu co gando non pode entender a situación de estrés, pesimismo, angustia e impotencia que vivimos centos de gandeiras estes últimos días por mor da Enfermidade Hemorraxia Epizoótica que está a por en xaque o noso futuro e as nosas granxas.