Novas

  • Galiza súmase á loita europea por un prezo xusto para o leite

    Galiza súmase á loita europea por un prezo xusto para o leite

    • 21,Set 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Avaliadas as condicións coas que nos atopamos a curto prazo, e ao non contar co apoio das organizacións que lle seguen pedindo ao sector “paciencia” para arruinarse, e para que dentro dun mes, segundo acordaron hoxe na Comisión de seguimento, cobren o prezo francés que arruína tamén ás explotacións de Francia, estamos en condicións de lanzar accións de apoio á revolta leiteira que en toda Europa se está mantendo.

    Tendo unha porcentaxe de compromisos de adhesión á folga de entregas que supera á que deu inicio á folga en países como Francia (1) ou Alemaña(2) , iniciamos, a partires das 24:00hrs de mañá, martes 22, accións de non entrega de leite ás industrias alternando comarcas., ao tempo que faremos visíbel a nosa loita mediante accións reivindicativas públicas e continuadas no tempo.

     A primeira comarca en pé de loita será Compostela.

     

    Prezo francés.

    O que non ten sentido, como así nos confirmou o compañeiro da Bretaña francesa, René Louail (Confèdèration Paysanne-Coordenadora Europea Vía Campesina), é pedir ou seguir agardando a que se cumpra no Estado español o acordo que as outras organizacións agrarias asinaron en Madrid, xa que na actualidade os prezos de Franza son os mesmos que aquí (0,24€), un prezo que nin sequera paga os custos de produción franceses (máis baixos que os do Estado español) razón pola cal as gandeiras e gandeiros levan en folga dende o pasado 10 de setembro. É ese o “prezo francés” que piden que se cumpra?

    Na mesma tónica, o compañeiro Ulrich Jasper, membro da Arbeitsgemeinschaft Bäuerliche Landwirtschaft (integrada na Coordenadora Europea Vía Campesina) en Alemaña, denunciou que explotacións das máis dimensionadas (Alemaña é a primeira produtora de leite europea), están cobrando entre 0,19/0,20€, estando a media alemá en 0,22/0,23€

    Asemade, dando conta das múltiples accións que están tendo lugar en Europa, Ulrich Jasper transmitiunos que se comeza a falar da “revolta labrega” na UE.

     

    (1) Franza; Comezaron co 20%, a día de hoxe secundan a folga o 60%.

    (2) Alemaña: Comezaron con mil explotacións das cen mil existentes (+/- 1%), a día de hoxe secundan a folga entre quince e vinte mil explotacións (15/20%)