Así, Docampo e Vilas expresaron o seu acordo coa defensa da vitivinicultura como unha actividade rendíbel que permita o asentamento no medio rural, coa simplificación das normativas, coa defensa dun modelo europeo de vitivinicultura de calidade, e coa substitución do arranque de viñedos (200.000 hectáreas en cinco anos na UE) por un proceso de reestruturación. Tamén consideraron bo para o sector o feito de que se desenvolva unha OCM específica para a vitivinicultura, dotada economicamente, na que se axuntan a innovación coas tradicións e a diversidade rural.
Así e todo, os representantes do sector vitivinícola do SLG tamén fixeron ver as súas reservas co documento a debate. Por exemplo, contémplase que os orzamentos se destinen ás zonas vitícolas, o cal resulta abondo ambiguo. Vilas e Docampo propuxeron que se especifique que os cartos deben investirse no propio sector vitivinícola.
Outro aspecto preocupante sinalado polo SLG foi a liberalización das plantacións e a eliminación do límite mínimo de grao alcohólico; isto último podería legalizar que se considerasen como viño as bebidas procedentes da uva con menos de 9’5º que, a día de hoxe, están consideradas como refrescos vínicos.
Vilas e Docampo tamén foron críticos co feito de que as axudas á comercialización só estean previstas para os países de fóra de Europa, reservando para os comunitarios o financiamento de campañas que potencien o consumo con moderación. Ademais, amosaron o seu rexeitamento coa orientación actual da OCM que, de manterse igual, suporía a fin das denominacións de orixe como garantes de calidade e impediría camiñar cara a un modelo europeo de vitivinicultura de calidade.
En canto ao calendario de desenvolvemento da OCM do viño, o 4 de xullo está previsto que a Comisión Europea faga pública a súa postura formal sobre a reforma. O 23 de xullo, o Ministerio de Agricultura fará unha conferencia sectorial sobre o tema e, posiblemente, no primeiro semestre de 2008, a Unión Europea adoptará a nova OCM para o sector. Antes de todo iso, a Consellaría de Medio Rural terá que recompilar as posicións do debate do 7 de xuño para fixar a posición galega nesta cuestión transcendental para o sector.