Novas

  • Festival reivindicativo en Muimenta: O noso seixo  NON é a súa mina

    Festival reivindicativo en Muimenta: O noso seixo NON é a súa mina

    • 13,Mai 2010
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Dende fai un mes temos unha situación novidosa no aspecto lexislativo que agrava a situación:

    O “salvavidas” co que contabamos era a prohibición da actividade extractiva en solo rústico de protección agropecuaria, é dicir, practicamente o 100% do territorio afectado pola solicitude da empresa ERIMSA.

     explot

    O sector da minaría non cesou na presión sobre os nosos gobernantes, e o que non conseguiron na anterior lexislatura acábano de conseguir co actual goberno do Partido Popular.

    O pasado 31 de marzo publicábase no DOG a modificación da Lei do Solo, figurando a substitución da prohibición existente de realizar actividades mineiro-extractivas en solo rústico de protección agropecuaria pola “posíbel autorización por parte da comunidade autónoma”. Polo tanto, coa actual lexislación levántase a prohibición e pasa a ser autorizable.

    Que significa isto na práctica?: Que o goberno actual vai autorizar ou non a actividade extractiva dependendo da presión que sexamos capaces de facer, e de que vexan perigar un puñado de votos, ou a Deputación. É triste que o futuro da Terra Chá dependa duns votos pero quen vivimos aquí temos claro que esta é a realidade.

    Festival reivindicativo

    Diante desta situación, a Comisión de Asociacións decidimos organizar unha nova xornada–festival para seguirmos denunciando esta situación e demandar a anulación da solicitude de extracción de seixo na Terra Chá solicitada pola empresa ERIMSA.

    cartaz

    Esta Xornada vaise a celebrar o vindeiro sábado 22 de maio, no recinto de Moexmu (Mostra Exposición de Muimenta), dende a tarde até a noite. Contaremos con actos informativos, co apoio de persoeiros públicos e coas actuacións musicais de grupos que tocarán de balde para apoiarnos.

    Nin que dicir ten a importancia de que a esta xornada informativa e festiva acuda o maior número de veciños e veciñas, especialmente por dous motivos: para preguntar ás e ós membros da Comisión que alí estaremos o que se precise, e para que o noso problema trascenda máis aló dos nosos concellos, e deste xeito continuar a organizarnos e recabar apoios para a nosa loita.

    Estarán convidados e convidadas a esta xornada, ademais de representantes públicos de todos os partidos políticos, representantes no Parlamento galego, concelleiros/as municipais, representantes no goberno do Estado e das Deputacións.

    E de xeito moi especial, está convidado tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

     

    Comisión de Asociacións en contra das minas da Terra Chá

    http://nonasminasterracha.blogaliza.org/