Novas

  • Esiximos unha postura clara dos partidos co TTIP por estar en xogo o traballo de miles de familias e a saúde

    Esiximos unha postura clara dos partidos co TTIP por estar en xogo o traballo de miles de familias e a saúde

    • 21,Xuñ 2016
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Para catalogar un produto químico como disruptor endocrino terá que existir unha elevada evidencia de danos en seres humanos trala exposición; é dicir, quérese violar calquera principio de precaución e cautela e agardar a que estea o mal feito para tomar medidas.

    Este é o modus operandi dos Estados Unidos con respecto ás substancias químicas: non son tóxicas até que se demostre o contrario. Este tipo de decisións, contrarias ao principio de precaución até agora vixente na Unión Europea, fannos sospeitar que por tras está a man das negociacións do Tratado de Libre Comercio cos Estados Unidos (TTIP), xa que a aprobación destes criterios eliminaría un obstáculo máis de cara a un posible acordo final. Se xa é grave de por si esta decisión, sería aínda peor de saír cara a adiante o TTIP, que con mecanismos como os tribunais privados para a resolución de conflitos comerciais (ISDS), farían case imposible prohibir calquera destas substancias aínda que se demostrase a súa letalidade.

    Dende o Sindicato Labrego Galego preocúpanos enormemente esta cuestión, habida conta de que só na UE están legalizados 70 praguicidas considerados alteradores do sistema hormonal, polo que a exposición de persoas aos seus efectos podería estar moi estendida, con consecuencias nefastas para a súa saúde. Por iso, queremos facer un chamamento aos partidos políticos que se presentan ás Eleccións Xerais do 26 de xuño para que expresen claramente cal é a súa postura con respecto ao TTIP, pois de saír para adiante xa non só corren perigo os postos de traballo e o medio de vida de miles de familias na Galiza e na UE que viven da agricultura e da gandería, senón tamén a saúde das persoas.