No Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) temos a certeza de que para seguirmos avanzando na loita labrega por un medio rural vivo é imprescindíbel unha mocidade labrega mobilizada. Co obxectivo de traballar directamente nesta liña de dinamización campesiña, na fin de semana do 15 e 16 de marzo celebraremos o Encontro Nacional da Mocidade Labrega.
O albergue de ecoturismo Alvarella (Vilarmaior, A Coruña) acollerá esta cita sindical á que está convocada a nosa afiliación e no que artellaremos colectivamente dous bloques de contidos: un centrado en políticas públicas, incorporación e dificultades da mocidade e outro de presentación de escolas de formación labrega presentes en distintas latitudes.
A xornada do sábado encetará situando as dificultades que ten a mocidade para acceder a unha actividade agraria, concretando as preocupacións que teñen as labregas e labregos novos en relación ás actuais políticas públicas.
A gandeira da montaña lucense María Osorio intervirá para subliñar a necesidade de organizarse para un futuro sostible no rural galego, e o francés Jean Mathieu Thevenot da Confédération Paysanne exporá cales son as dinámicas de organización da mocidade na Coordinadora Europea da Vía Campesina, organización da que o SLG-CCLL fai parte dende a súa creación.
Seguidamente, Nello Schisano e Sarai Martin da Fundación Mundubat presentarán o informe “Incorporación de mozos e mozas ao rural no Estado español. Relevo xeracional e novos perfís. Barreiras ás que se enfrontan e propostas”.
Logo desta identificación, centraremos o traballo en pór en valor ferramentas das que dispoñemos para salvar estas dificultades. A ferramenta de incidencia política máis valiosa é, para nós, a nosa propia organización, o Sindicato Labrego Galego, e así será presentado polo apicultor e integrante da Executiva Nacional do SLG Brais Álvarez.
Asemade, o traballo en base a alianzas é parte esencial da nosa estratexia sindical, nesta clave afondaremos en propostas que se están a desenvolver noutras partes do Estado, como Ruralitud, unha ferramenta dixital para impulsar o emprendemento agrícola sustentable á que nos achegaremos a través de Nacho Maestre de CERAI e a Rede de espazos Test Agrarios, que será introducida pola súa coordinadora Laura Megias.
Logo dun xantar con produtos agroecolóxicos, ás 16h. retomaremos o encontro abordando a realización de Escolas de Formación Política como ferramenta para fortalecer a incidencia das organizacións labregas.
A secretaria xeral do SLG-CCLL, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba Seivane, canda Jeromo Aguado, labrego xubilado e membro do Consello Editorial da Revista Soberanía Alimentaria incidirán na necesidade destes espazos formativos para garantir un futuro sostible no rural.
Conscientes da necesidade de que estas escolas sigan xermolando e facendo posible o cambio nas comunidades rurais, coñeceremos polo miúdo a Escola de los Pueblos Josefa Martín Luengo (Burgos), presentada por Pablo Simón; a Escola de Acción Campesina, da que darán conta David Gallar (ISEC) e Ester Rubio (UAGA Aragón); a Escola Baserritik Mundura (Euskal Herria), introducida por Berta Málvarez; o Instituto Agroecolóxico Latinoamericano María Cano (Colombia), que será presentado por Yexibeth Virginia Cadenas de FENSUAGRO e a Escola Florestan Fernandes do Movemento Sen Terra (Brasil). Ao longo do encontro as persoas participantes poderanse interesar máis por estas propostas achegándose á feira de escolas de formación que terá lugar durante o mesmo.
A xornada do sábado finalizará ca posta en común da sesión plenaria e unha cea compartida.
A sesión do domingo pola mañá, que estará facilitada por Atalaia SCG, adicarémola a establecer unha folla de ruta do traballo da mocidade labrega dentro do SLG para os vindeiros dous anos, así como o deseño da nosa propia escola labrega, orientada a formarnos tanto en conceptos técnicos da agroecoloxía e da soberanía alimentaria como en atopar ferramentas para entender mellor o mundo que nos rodea e as ameazas e solucións que podemos ter para levar adiante os nosos proxectos labregos.
Como non podía ser doutro xeito, este Encontro Nacional da Mocidade Labrega do SLG-CCLL concluirá cunha visita á unha granxa de afiliación da comarca. Desta volta visitaremos a Granxa da Lousada (Irixoa), na que Dolores e Sergio teñen unha produción diversificada que abarca dende horta ata xatos, cordeiros e porcos, todo baixo un modelo de produción agroecolóxico.