Novas

  • Encontro anual da Secretaría das Mulleres Pontedeume, 6, 7 e 8 de marzo de 2009

    Encontro anual da Secretaría das Mulleres Pontedeume, 6, 7 e 8 de marzo de 2009

    • 06,Mar 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Nesta ocasión, arredor de 160 mulleres labregas compartirán experiencias e analizarán accións a levar a cabo para obter melloras nas nosas condicións de vida, como a cotituaridade nas explotacións, a saúde na muller máis alá das agresivas políticas actuais desenvolvidas pola industria farmacéutica ou a elaboración do produto labrego, alimentos dunha calidade superior que historicamente se atopou case por completo nas mans das labregas.

    Ao respeito do debate sobor da saúde feminina, salientar a colaboración neste ano de Xabier Uriarte, presidente da Liga pola Liberdade de Vacinación e investigador dos efectos das vacinas.

    Uriarte colaborou co SLG en agosto do 2008, cando alertadas pola multitude de informacións contradictorias que arrodean a implantación da vacina do papiloma humano, a Secretaría das Mulleres coordenou unha charla informativa en Santiago de Compostela.

    Asemade, cómpre destacar as intervencións de Lídia Senra, Secretaria de Organización do SLG, e Isabel Vilalba, Responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, quenes o sábado debullarán polo miúdo a Campaña contra a Violencia de Xénero no marco da Vía Campesina.

    Coma en anteriores edicións, será tamén un espazo no que abordar de temas de actualidade, como o resultado dos recentes comicios electorais na Galiza ou a crise econónico-enerxética global que arrastramos dende o 2008.

    O encontro finalizará coa asistencia á manifestación do Día Internacional da Muller Traballadora que terá lugar en Ferrol o vindeiro domingo.

    Labregas: donas da semente de loita

    As mulleres son as produtoras da meirande parte da alimentación do mundo, arredor dun 80% nos países máis empobrecidos, sendo o colectivo que máis sofre as consecuencias das políticas neoliberais, procuradoras dunha agricultura industrializada que está a destruír os postos de traballo de miles de labregas en todo o mundo.

    As políticas agrarias industrializadas, que perseguen a obtención de materias primas baratas coas que as grandes empresas consigan o máximo beneficio, están a arruinar miles de explotacións familiares, desprezando o papel principal das mulleres coma proporcionadoras de alimentos de calidade á cidadanía e clave fundamental para manter o medio rural vivo.

    A Secretaria das Mulleres do SLG

    O Sindicato Labrego Galego ten constituída a Secretaría das Mulleres como un órgano que atende todos os temas relacionados coa problemática das mulleres labregas e que as organiza para mellor defender os intereses sociais, económicos e profesionais das labregas galegas.

    A Responsábel da Secretaría das Mulleres, arestora Isabel Vilalba, forma parte de pleno dereito da Dirección Nacional do SLG.

    Funcións da Secretaría das Mulleres:

    1.- Escoller á Responsábel da Secretaría das Mulleres que formará parte de pleno dereito da Dirección Nacional do SLG.

    2.- Deseñar o traballo do SLG en relación coa problemática específica das mulleres labregas.

    3.- Promover todas as iniciativas e reivindicacións necesarias en defensa dos dereitos das mulleres labregas