Novas

  • Durante toda esta semana compañeiras do MST e Fensuagro coñecerán a realidade labrega galega da man do SLG

    Durante toda esta semana compañeiras do MST e Fensuagro coñecerán a realidade labrega galega da man do SLG

    • 18,Mar 2025
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    No Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) temos a certeza de que as Escolas de Formación Política son ferramentas esenciais para fortalecer a incidencia das organizacións labregas, e estamos a traballar para trasladar este modelo á Galiza.

    No Encontro Nacional da Mocidade Labrega que organizamos a pasada semana en Vilarmaior contamos ca presentación, entre outras experiencias, do Instituto Agroecológico Latinoamericano María Cano de Colombia, a cargo de Yexibeth Virginia Cadenas da Federación Nacional Sindical Unitaria Agropecuaria (FENSUAGRO-CUT), e da Escola Florestan Fernandes do Movemento Sen Terra (Brasil), introducida por Vanessa Ribeiro da Souza do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST).

    Estas compañeiras, ámbalas dúas integrantes de organizacións da Coordinadora Latinoamericana de Organizaciones del Campo (CLOC) da Vía Campesina -coordinadora labrega internacional da que o SLG-CCLL fai parte dende a súa creación na década dos anos noventa do pasado século-, permanecerán até o vindeiro venres 21 no noso país para levar adiante unha xeira de visitas e xuntanzas de traballo a fin de coñecer as nosas distintas realidades labregas, así como as ameazas ás que se enfronta o noso territorio e a articulación social na defensa da nosa terra.

    Así, esta mesma mañá mantiveron unha reunión con persoas produtoras e técnicas da estratexia alimentaria participativa Eo Alimenta -na que o SLG-CCLL está integrado- e coñeceron de primeira man a experiencia de afiliadas e afiliados da comarca que se enfrontan ás graves perdas da produción de faba que afectou á colleita deste ano.

    De feito, segundo manifestaron estas compañeiras da CLOC, teñen especial interese e é moi importante para as súas organizacións coñecer de primeira man situacións nas que son as propias institucións as que, ben sexa de xeito proactivo a través da lexislación, ou ben sexa en base ao inmobilismo negando o seu apoio, establecen trabas e dificultades que teñen como consecuencia a desaparición das pequenas producións locais, como está a acontecer por exemplo nestes mesmos momentos no caso da faba. Episodios recentes, como o abandono ás viticulturas/es da Ribeira Sacra ou a denegación das axudas de incorporación e mellora a centos de granxas que cumprían os requisitos, sitúan lamentablemente á Administración galega como exemplo paradigmático de fomento do modelo industrial en detrimento do labrego, que ben merece ser coñecido alén das nosas fronteiras, toda vez que poda servir a nosa lamentable realidade para que outras compañeiras podan facer fronte a estas situacións noutros países.

    Hoxe pola tarde, e acompañadas pola nosa Secretaria Xeral, a gandeira e produtora de faba Isabel Vilalba, Vanessa Ribeiro e Yexibeth Virginia Cadenas participaron ás 16.15h.nun encontro aberto con profesorado e alumnado do IES Plurilingüe San Rosendo da Mariña luguesa.

    Mañá desprazaranse á zona dos Ancares e a Fonsagrada para afondar na gran diversidade de granxas que temos na Galiza, coñecendo polo miúdo as dificultades ás que se enfrontan as producións de alta montaña.

    Comezarán a xornada ás 9.30h. reuníndose no Cádavo co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, un exemplo de iniciativa exitosa de dinamización rural con financiamento público que fortalece as zonas de montaña traballando en distintas liñas como pode ser o ámbito do comercio xusto ou o propio apoio a proxectos labregos, como A Carqueixa ou Asgafon (Asociación de Gandeiros A Fonsagrada).

    Seguidamente coñecerán as granxas de vacún en ecolóxico das nosas afiliadas María Osorio -integrante da Executiva Nacional do SLG- e Davide Outeiro -integrante da Dirección Nacional do SLG-. Ao mediodía terá lugar un encontro con labregas e labregos durante o xantar, que será na Feira de Becerreá.

    A xornada do xoves descorrerá na capital galega. En Compostela Yexibeth Virginia Cadenas e Vanessa Ribeiro da Souza entrevistaranse pola mañá con diversas organizacións non gubernamentais (ONG´s) que traballan no ámbito labrego, así como con representantes da área de cooperación internacional da Xunta de Galicia.

    O xantar terá lugar no local nacional do Sindicato Labrego Galego en Santiago, tempo que funcionará como espazo de intercambio de experiencias con colectivos implicados na loita social na defensa da nosa terra fronte a proxectos lesivos para a saúde das persoas e o medioambiente, como a compañeiras/os da Plataforma Mina Touro-O Pino Non ou Altri Non. Cadenas e Ribeiro pecharán a súa axenda galega reuníndose pola tarde coa área de medio rural do grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG).