Novas

  • Dubidosos  criterios de  saneamento animal tamén en Abadín

    Dubidosos criterios de saneamento animal tamén en Abadín

    • 28,Xul 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Na zona de Abadín (parroquia de Labrada), levan moitos anos con serios problemas de brucelose nas campañas de saneamento gandeiro, polo que os/as viciños/as quéixanse de varios problemas que se repiten ano tras ano e que dá a impresión de que ninguén quere facer nada para superalos.

    Nas explotacións onde se fai baleiro sanitario*, está a pasar que cando volven a repoñer o gando seguen aparecendo casos positivos, coma se ese baleiro non se fixera ou se o foco de contaxio permanecera.

    O problema é que os baleiros eliminan moitos animais, e as axudas redúcense, xa que as indemnizacións cada vez son máis baixas e tárdase máis en cobralas; e para acabar de agravar a cousa, o lucro cesante (indemnización por inactividade nos baleiros sanitarios), reduciuse de 9 a 6 meses.

    Paralelamente a estes problemas hai casos puntuais que dan a impresión dun total descontrol, coma por exemplo a recente aparición en Labrada-Abadín de tres anacos dun becerro morto no parto, que ninguén sabe de onde proceden, e dende quen dirixe a campaña de saneamento na zona, o xefe de área, obsérvase unha actitude orientada a tentar desentenderse do tema.

    Esta actitude de pouca preocupación polo seguimento das campañas por parte dos responsábeis de sanidade animal, é reiterada, (non se fan inspeccións, etc.).

    Diante desta situación, que se repite puntualmente en comarcas da Galiza, dende o Sindicato Labrego Galego pensamos que hai cousas que se poderían canto menos estudar para podelas levar á práctica: por exemplo, que por parte da Administración se faga un tratamento diferenciado destas zonas con problemas específicos (Abadín, Estelo, A Estrada…), respecto do resto, considerándoas zonas excepcionais.

    Demandamos tamén que se estude a posibilidade de xenotipar os animais para poder investigar a procedencia de animais mortos. As labregas e labregos demandamos un maior seguimento, ben sexa polos servizos do SEPRONA ou por parte de Sanidade Animal, sobor de todo naqueles que incumpren as normas (tamén á fauna salvaxe lle fan seguimento); e dende logo o sistema de indemnizacións deben ser proporcionais ao problema, non sendo de recibo o tratamento xenérico para zonas con unha problemática tan específica.

     

    *No baleiro sanitario sacrifícanse

    tódolos animais da cabana gandeira, mesmo os sans.