Novas

  • Día Internacional de Acción pola Soberanía Alimentaria dos Pobos contra as empresas transnacionais

    Día Internacional de Acción pola Soberanía Alimentaria dos Pobos contra as empresas transnacionais

    • 16,Out 2024
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Nós, o campesiñado global dos pobos e diversidades rurais, comunidades indíxenas e migrantes, mulleres e crianzas do campo, persoas pescadoras, pastoras e produtoras da agricultura a pequena escala; convocámonos un ano máis para facer un eco global das nosas loitas pola Soberanía Alimentaria dos nosos pobos.

    Diariamente o mundo esperta con novas de como a degradación medio ambiente está a agravarse en varios territorios do mundo, mentres as elites de poder corporativo non deixan de enriquecerse das crises que elas mesmas xeraron. A vida está en constante risco e o avance de moitas políticas públicas restan dereitos básicos como a saúde, a vivenda ou a alimentación; así como os dereitos colectivos e os dereitos labregos: a consecuencia é o prexuízo da xustiza social e acaparamento dos bens comúns.

    O campesiñado global xunto a outras poboacións vulnerables enfróntase a un despoxo permanente dos seus medios de vida e de subsistencia. Aínda por riba, a guerra e a ocupación militar non deixa de destruír a biodiversidade e a Soberanía Alimentaria, ao mesmo tempo que sementa terror e arrebata vidas en varias partes do mundo como Palestina, Líbano, Sudán, Iemen e Haití. A criminalización das loitas pola terra e territorio segue cobrando as vidas de defensorxs en países como Honduras, Filipinas, Colombia ou Brasil, por citar algúns.

    O quecemento global, fundamentalmente causado polo agronegocio, o extractivismo e a minería, agudiza estas crises e pon en risco o dereito á alimentación dos nosos pobos. is de 2 billóns de persoas -é dicir, case un terzo da poboación mundial- loitan por acceder regularmente a unha alimentación adecuada. A fame e a inseguridade alimentaria grave afectan xa a 864 millóns de persoas, sobre todo crianzas e mulleres. A desnutrición é unha realidade vivida por moitas persoas e cada vez son máis os países que a reportan.

    Entón que facer nun mundo que é reflexo dunha crise sistémica?

    Desde o campesiñado mundial e o movemento global pola Soberanía Alimentaria, cremos firmemente na necesidade dunha transformación sistémica que protexa a nosa relación simbiótica coa Nai Terra, que garanta a xustiza social, a paz e unha reforma agraria integral que nos asegure vivir con dignidade, libres de pobreza e fame.

    Para empezar, ESIXIMOS unha transición agroecolóxica que protexa os sistemas alimentarios locais e promova un novo marco de comercio baseado nos principios da Soberanía Alimentaria.

    NECESITAMOS URXENTEMENTE políticas públicas que apoien e implementen unha transición xusta cara á produción agroecolóxica que prioricen modelos de economía labrega, social e solidaria.

    Tamén ESIXIMOS a defensa e protección dxs labregxs e defensorxs dos dereitos humanos, fronte á violencia que vulnera os dereitos humanos, a estigmatización e criminalización, a través da implementación da Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Campesiñado e outras persoas que traballan en zonas rurais (UNDROP) e outras accións que protexan e reivindiquen o seu papel.

    As políticas agrícolas dirixidas polas corporacións só empeoran a crise climática, e a énfase nos produtos agrícolas importados está a causar unha crecente desesperación entre o campesiñado. ESIXIMOS medidas para frear o crecente poder das empresas nos espazos políticos dos nosos países e nos espazos multilaterais.

    DEMANDAMOS un Tratado vinculante da ONU que regule as empresas transnacionais (ETN), que poña fin ás violacións de dereitos humanos, que acabe coa impunidade e que garanta o acceso á xustiza das comunidades afectadas, en consonancia coa UNDROP e outros instrumentos xurídicos.

    É urxente establecer un sistema de resposta ao cambio climático que RECOÑEZA ao campesiñado como un actor crave, en particular ás mulleres labregas. Con todo, as mulleres labregas e as diversidades en moitos países e culturas aínda non teñen recoñecemento legal. É esencial emendar leis e políticas públicas para garantir o status de propiedade, recoñecendo o seu rol histórico na agricultura.

    Por todo iso, este 16 de outubro de 2014, Día Internacional de Acción pola Soberanía Alimentaria dos Pobos e contra as transnacionais, chamamos ás nosas organizacións rexionais e locais, aliadxs, movementos e colectivos sociais, a mobilizarnos xuntxs por defender a vida, a alimentación sa e soberana dos pobos e os dereitos de millóns de persoas labregas.

    Esiximos que as políticas muden, afastándose da dependencia de produtos agrícolas importados que emiten carbono e da agricultura impulsada polas corporacións. Necesitamos unha agricultura sostible baseada na Soberanía Alimentaria, por iso son claves as reformas agrarias tal como orienta a UNDROP.

    As nosas representantes labregas participarán en diversas actividades como as mobilizacións en defensa da biodiversidade ante a COP 16 en Cali – Colombia, a conmemoración da Década da Agricultura Familiar en Roma, ou a Sesión Plenaria do Comité de Seguridade Alimentaria Mundial. Tamén nos uniremos e apoiaremos os preparativos do 3er Foro Global Nyéléni pola Soberanía Alimentaria, a xustiza global e o cambio sistémico previsto para 2025.

    Pola biodiversidade e a Soberanía Alimentaria!

    Basta de impunidade e de poder corporativo nos nosos territorios!