A solicitude do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), na mañá de hoxe a Secretaria Xeral do SLG, a gandeira Isabel Vilalba, e o coordinador do sector da carne, Brais Álvarez, reuníronse en Madrid coa Subdirección Xeral de Control da Calidade Alimentaria e Laboratorios Agroalimentarios -dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación- para tratar a modificación do prego de condicións de Tenreira Galega (TG) Suprema que obriga ao acortellamento dos xatos maiores de 8 meses.
Segundo datos da propia IXP Ternera Galega, este cambio expulsa a 750 das granxas que non acortellan das 7.500 granxas rexistradas baixo esta indicación xeográfica protexida, e a un número indeterminado de granxas que poden non dispor de instalacións axeitadas a día de hoxe, ao que cabe engadir que supón rematar coa forma tradicional de cebado de centos de granxas da IXP, implicando asemade unha homoxeneización do produto coa carne producida na IXP baixo o selo da Tenreira Galega Normal.
Como trasladamos na xuntanza mantida na mañá de hoxe, dende o SLG entendemos dito cambio supón unha modificación relevante que implica cambiar as características fundamentais da carne, así como da propia paisaxe da zona territorial á que se subscribe a IXP, tratándose xa que logo dunha modificación de certa importancia da que resulta cuestionable que o AGACAL sexa competente para a súa resolución. Este cambio implica, tamén, unha fundamental restrición na comercialización do produto, xa que vai expulsar a máis do 10% das granxas da IXP e, polo tanto, é competencia da Unión Europea (UE) determinar a viabilidade do cambio ou non.
Non á industrialización da IXP TG
A IXP TERNERA GALEGA xorde a mediados dos 90 co obxectivo de crear unha marca que claramente diferenciara a calidade do cebado tradicional que se facía nas granxas galegas. Este cebado caracterizouse durante décadas precisamente no leite que os becerros bebían de súas nais até os 7 meses de idade e que se suplementaba con cereais, patacas, herba seca etc.
En determinadas zonas de Galiza este cebado facíase cos xatos acortellados e as súas nais saían diariamente a pastar nos pastos das granxas, se ben existía en amplas zonas de Galiza granxas nas que os xatos nacían nos prados e aos 7 meses eran separados e acortellados para o seu remate, e moitas granxas que directamente cebaban os seus becerros nos pastos e non dispoñían de instalacións. Unha maior profesionalización do sector, así como a suba dos custes de produción, motivou que cada vez máis granxas optaran por facer a finalización dos seus tenreiros directamente nos prados.
Dentro da IXP TG, Tenreira Galega Suprema e Tenreira Galega Normal son dúas categorías ben diferenciadas. A gran diferencia entre ambas é que na Tenreira Galega Suprema englóbanse as case 7.600 granxas de vacas nutrices e a carne dos tenreiros cebados nesta categoría caracterízanse por mamar na vaca nai ata os 7 meses de idade, tempo o que se destetan e fáiselle o acabado para ser sacrificados antes dos 10 meses de idade. Pola súa contra, a Tenreira Galega Normal caracterízase por seren quitados os tenreiros das súas nais e das granxas tradicionais ao pouco de nacer e facerse o seu cebado en cebadoiros industriais.
No mes de novembro do ano pasado o Pleno da IXP TERNERA GALEGA aprobou co único voto en contra do representante do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, unha modificación para os os tenreiros da marca Tenreira Galega Suprema, onde obriga o seu acortellamento a partires dos 7 meses de idade e de non facelo supón a exclusión de estes da marca.
Dende o primeiro momento alertamos da grande irresponsabilidade que implica o feito de apoiar ir cara a un modelo de produción intensivo e industrial para a Terneira Galega Suprema, unha modificación precisamente no sentido contrario dos valores cos que se xerou a marca, e que único que vai provocar é que sigan a desaparecer as granxas familiares que dan vida ao noso medio rural, privilexiando un modelo industrial baseado en cebadoiros, e que pretende facer pasar este sistema cómodo para as macrogranxas como unha produción de calidade diferenciada. Ademais, cómpre ter en conta que, no contexto de actual crise económica e climática existente, a produción en base á importación de insumos vai a ser inviábel economicamente para a maioría de pequenas e medianas granxas.
O Sindicato Labrego Galego tamén activou unha campaña de información e sensibilización ás persoas consumidoras, asembleas co sector, unha xornada de formación sobre a alimentación en base a pasto, así como contactos con organismos, nos que se encadra a xuntanza mantida hoxe, a fin de reverter unha modificación que pretende agasallar o prestixio do bon facer labrego ao modelo agroindustrial.