Esta normativa especifica que non recoller os excrementos das vacas ou das ovellas que atravesen polo núcleo de Castrelo do Val pode acarrear multas de entre 750€ e 1.500€. Dende o SLG denunciamos o perigo desta ordenanza, exemplo paradigmático da irracionalidade de lexislar dende o medio rural adoptando os condicionamentos dunha realidade totalmente distinta, a urbana, poñendo trabas e penalizacións económicas absurdas para o contexto no que se aplican, dificultando inda más a supervivencia das actividades gandeiras e contribuíndo a eliminar as actividades que axudan a frear o despoboamento do medio rural.
Resulta asemade moi preocupante que esta mesma ordenanza considere tamén infracción moi grave “unha perturbación relevante de convivencia con afección directa e inmediata da tranquilidade”, deixando aberta a posibilidade de denunciar, por exemplo, que o son das chocas rompe a tranquilidade da veciñanza.
É moi alarmante que dende un Concello rural se promulguen normas que van en contra das actividades que tradicionalmente se desenvolveron nel, tratando o gando como se fosen animais domésticos e o núcleo rural como o centro dunha cidade, podendo sentar de precedente para outros casos similares.