Novas

  • Demandamos á Consellaría que actue ante as irregularidades denunciadas polo persoal investigador de Mabegondo

    Demandamos á Consellaría que actue ante as irregularidades denunciadas polo persoal investigador de Mabegondo

    • 27,Mai 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments

    Condenamos a actitude da CMR ao negar o desmantelamento do CIAM denunciado pola inmensa maioría do persoal investigador. Alertamos de que está en grave crise o principal centro de investigación agraria da Galiza

    A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba; a integrante da Executiva Nacional María Ferreiro e o coordinador de servizos técnicos no Sindicato, Andrés Castro, entrevistáronse nestes días cunha representación de persoas investigadoras do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) -pertencente á Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería de Medio Rural (CMR)- para interesarse polas denuncias realizadas nos últimos meses ao respecto da “situación crítica” na que se atopa o CIAM.

    A finais do mes de febreiro, 21 das 23 investigadoras/es do CIAM dirixiron unha carta á Consellaría denunciando o “desmantelamento progresivo” deste centro de investigación, obtendo como única respostas por parte da Administración o cuestionamento desta alerta, malia estar claramente subscrita pola inmensa maioría do persoal de investigación.

    No encontro mantido varias traballadoras/es trasladaron ao SLG diferentes irregularidades, entre as que cabe destacar as cometidas polo Xefe da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria, Manuel López Luaces, que actualmente compaxina este cargo co de Director do CIAM, a xefatura dos Departamentos de Produción Animal e Pastos e Cultivos e xefe de explotación en Mabegondo.

    Os feitos denunciados abarcan cuestións como a falta de transparencia e imparcialidade na concesión de proxectos ou a solicitude de proxectos -moi custosos e sen xustificación aparente- sen consultar cas persoas investigadoras.

    O persoal investigador tamén ten detectado desviacións na repartición dos recursos destinados a infraestruturas. Un dos exemplos sería o emprego da maior parte do orzamento para a compra de mobiliario e material para uso exclusivo da cónxuxe do propio Manuel López, á que ademais lle foi adxudicada a praza da Xefatura do Departamento de Coordinación e Desenvolvemento Tecnolóxico, sen ter en conta que a carreira investigadora e o número de publicacións da outra candidata presentada era moi superior.

    “Irregularidades na xestión das liñas de investigación, decisións que benefician directamente a familiares directos (cónxuxe e cuñado), apropiación do traballo e posterior invisibilización de equipos de investigación… As denuncias realizadas son moi graves, e a actitude da Consellaría de negar de plano estes feitos, sen tan sequera interesarse polos mesmos, semella precisamente ser un motivo máis para confirmar as denuncias realizadas polas traballadoras e traballadores”, destaca Isabel Vilalba. “Estamos falando de nepotismo na adxudicación de prazas e trato denigrante ao persoal, chegando incluso á elaboración de informes con datos falsos dalgunha traballadora, recorrido pola propia traballadora, que mesmo sinalaba unha situación de acoso laboral, e que posteriormente contou cunha resolución favorable á traballadora emitida pola propia Administración”.

    Pero a depauperación do CIAM non se limita unicamente á calidade súa xestión, senón que se estende á propia degradación das súas infraestruturas, afectando tamén ás Estacións Experimentais do Marco da Curra, da Pobra do Brollón e Salceda de Caselas; deficiencias en laboratorios, maquinaria, escaseza de persoal…, devaluando directamente a eficiencia investigadora e, polo tanto, tendo como consecuencia a falta de atención axeitada ás necesidades do sector agrícola e gandeiro galego, así como a unha situación crítica do centro referente en investigación agraria de Galicia.

    Dende o Sindicato Labrego Galego expresamos o noso total apoio ao persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e esiximos á Consellaría do Medio Rural que deixe de mirar cara outro lado, poñendo fin tanto ás graves incidencias na xestión denunciadas polo persoal investigador como activando un plan de recuperación que permita subsanar a degradación paulatina á que semella estárense encamiñando as súas instalacións e recursos.

    Imaxe: A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba; a integrante da Executiva Nacional María Ferreiro e o coordinador de servizos técnicos no Sindicato, Andrés Castro ás portas do CIAM.