NOSOUTRAS, labregas chegadas de diferentes países de Europa, reunidas en Cáceres durante o seminario europeo “Labregas polos nosos dereitos” durante os días 27, 28 e 29 de abril, cansas da invisibilización á que frecuentemente nos someten as propias administracións a través, entre outras, das políticas agrarias e de desenvolvemento rural, e logo de comprobarmos que durante o foro oficial organizado pola Presidencia Española da Unión Europea -celebrado tamén estes mesmos días en Cáceres- que todo o mundo falou de nós sen darnos voz, queremos lembrar ás administracións públicas QUE AS LABREGAS ESTAMOS EIQUÍ, e que como labregas desempeñamos un papel crave na produción de alimentos na Europa e tamén no desenvolvemento e na vida dos nosos pobos.
Estamos fartas da invisibilización á que nos someten as actuais políticas agrarias, que consideran ás mulleres que desenvolvemos a nosa actividade nas explotacións agrarias familiares coma outra “propiedade” do titular da explotación, negándonos así os nosos dereitos a ter ingresos propios e á titularidade da explotación, aínda cando co noso traballo contribuímos a xeralos e a mantelos na mesma medida que os nosos compañeiros.
Non estamos dispostas a seguir aguantando a exclusión de miles de campesiñas da Seguridade Social, xa sexa por razóns económicas -tamaño da explotación-, culturais ou burocráticas.
Enfrontándonos a esta situación, e diante do debate que nestes momentos está a iniciarse sobre a reforna da Política Agraria Común (PAC 2013), reclamamos da Presidencia Española da Unión Europea e das institucións comunitarias:
1. Que se recoñeza a titularidade compartida ao 50% dende a PAC, desenvolvendo un estatuto xurídico que garanta ás labregss tanto os ingresos económicos como todos os demais dereitos que leva a titularidade da explotación.
2. Eliminar a esixencia dun mínimo, tanto de superficie produtiva como de ingresos, para o acceso á actividade agraria, xa que este condicionante discrimina ás pequenas explotacións, sendo estas as que están fundamentalmente en mans das mulleres.
3. Que a formación agraria transmitida, tanto nas escolas agrícolas como noutros ámbitos, incorpore a igualdade de xénero como materia a impartir, contando con persoas formadas neste ámbito para realizaren o seu labor docente.
4. A aplicación de medidas de accción positiva até conseguir a plena igualdade das mulleres.
5. A garantía, por lei, da participación das mulleres campesiñas na toma de decisións, facendo obrigatorio o cumprimento das leis de paridade por parte das organizacións agrarias.
6. O compromiso explícito, por parte das institucións europeas, de que non haberá impactos negativos para as campesiñas na elaboración dos orzamentos para a PAC.
7.Que as políticas de igualdade sexan transversais, para que a igualdade sexa un punto crave a considerar no momento de definir a PAC e o desenvolvemento rural.
NOSOUTRAS TRABALLAMOS, NOSOUTRAS PRODUCIMOS, NOSOUTRAS DECIDIMOS
29 de abril de 2010, Seminario europeo “Campesinas por nuestros derechos”
“As mulleres labregas reunidas en Cáceres queremos amosar a nosa máis fonda repulsa polo novo asasinato dunha muller a mans dun home, que desgraciadamente tivo lugar no día de onte en Cáceres. Da nosa raiba e dor por este crime tiraremos as forzas para seguir loitando polos dereitos de todas as mulleres e para erradicar a violencia machista.”