Xavier Gómez -Coordenador de Sectores Gandeiros- e Adolfo Cabarcos -Secretario de Sectores Gandeiros- durante a rolda de prensa desta mañá en Vilalba.
Como temos sinalado en anteriores ocasións, o sector agrogandeiro non debe de seguir cubrindo en exclusiva os custes e as perdas que derivan do mantemento da fauna salvaxe, posto que coma patrimonio natural que é, a conservación da mesma debe involucrar ao conxunto da sociedade .
Este ano, a cantidade de fauna salvaxe presente na comarca d´A Terra Chá está a ser tal que os animais non só teñen que andar na procura de comida nas explotacións agrogandeiras, senón que tamén a produción das hortas domésticas para autoconsumo -presente na práctica totalidade das vivendas do rural-, estase a ver atacada, mostra dunha situación límite á que até o de agora nunca se chegara.
Así as cousas, nestes momentos na comarca da Terra Chá mesmo quen só ten unha pequena horta, estase a prantexar a instalación de pastores eléctricos ou outras medidas para deste xeito protexer os cultivos, co custo económico engadido que isto supón.
Por outra banda, con respecto ás indemnizacións estipuladas -que como máximo poden chegar aos 1,200€ por explotación e ano, e ademais só poden ser solicitadas por persoas dadas de alta na Seguridade Social Agraria-, inda están sen pagar as solicitadas o ano pasado, o que a priori indica que as posibilidades de sufragar as perdas do presente ano son realmente escasas.
Dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos esta situación que se está a dar nos núcleos rurais chairegos, ao tempo que chamamos a atención sobre a responsabilidade que tanto a Dirección Xeral de Conservación da Natureza coma a Consellaría do Medio Rural en xeral teñen á hora de manter o equilibrio da fauna salvaxe, así coma a normal convivencia desta coas labregas e labregos do País.
Neste senso, xa no mes de febreiro o Sindicato Labrego Galego mantivo unha reunión co Director Xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, e co Subdirector Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, Emilio Rosa Solana, no que, ademais de abordar a problemática dos ataques da fauna salvaxe ás explotacións agrogandeiras da Galiza, fíxoselles entrega dun documento no que compilamos unha serie de propostas concretas para poñer fin a esta problemática.
Por último, facemos tamén un chamamento aos concellos da Terra Chá para vermos de entre todas e todos resolver esta situación de tal xeito que as persoas que vivimos no rural poidamos gozar dunha mellor calidade de vida ao tempo que conxuntamente conservamos a fauna salvaxe da Galiza.
Información relacionada:
[24 de Febreiro do 2010 ] O SLG solicita diante da D.X. de Conservación da Natureza a implicación de toda a sociedade no mantemento da fauna salvaxe: http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=32&i=465
[21 de Abril do 2010] Valoración xuntanza co Subdirector Xeral de Gandaría: http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=28&i=522
Documento coas propostas pra facer fronte á problemática dos ataques da fauna salvaxe dispoñíbel para descarregar no enlace http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=32&i=465