En Turquía, a organización anfitrioa é a Confederación de Sindicatos Labregos (Çiftçi Sendikalar Konfederasyonu), que aposta polo fortalecemento organizativo das labregas e dos labregos co desafío de integralos na loita global pola terra e pola soberanía alimentaria, e en contra do agronegocio e das políticas neoliberais impulsadas por grandes transnacionais.
A Vía Campesina é o movemento labrego internacional con maior representatividade, e nestes 20 anos expandiu a súa voz e loita por todos os recunchos do mundo, con diferentes estratexias e campañas que buscan valorar a produción labrega de alimentos saudables, defender as sementes locais, a terra en mans de labregos e labregas, promovendo a creación de políticas públicas mediante o seu traballo cos gobernos nacionais e institucións internacionais como o Comité de Seguridade Alimentaria Mundial (CSA), a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola (FIDA) e o Consello de Dereitos Humanos da ONU, impulsando iniciativas para fortalecer a defensa dos intereses do campesiñado como a Declaración dos Dereitos Labregos e as Directrices para a Tenza da Terra na ONU.
Entre os principais valores fundacionais da Vía Campesina están a solidariedade e o internacionalismo. É por iso que, o 26 de febreiro, a delegación internacional que participa na conferencia intermedia de Turquía, visitará a labregos e labregas organizados da Çiftçi Sendikalar Konfederasyonu que están a loitar contra o fracking, que é unha técnica de xeoenxeñería que consiste en extraer gas de esquisto mediante creba hidráulica, e que está a causar severos danos de saúde á poboación e ao medio ambiente, principalmente pola contaminación da auga.
As conferencias internacionais da Vía Campesina realízanse cada catro anos, e son o órgano máximo de toma de decisións colectivas, de debates e de construción dunha axenda común de mobilización do movemento labrego coa meta de articular unha alternativa ao réxime agroalimentario actual, promovendo un camiño baseado no respecto aos dereitos labregos e contra o poder das grandes corporacións trasnacionais. A Vía Campesina realizou as súas conferencias internacionais en Mons (Bélxica, 1993); Txacala (México, 1996); Bangalore (India, 2000); Sao Paulo (Brasil, 2004); Maputo (Mozambique, 2008); e Indonesia (Iacarta, 2013). A VII Conferencia Internacional da Vía Campesina realizarase en Euskadi, en xuño de 2017.