Novas

  • Conchi Docampo: “Precisamos un plan integral para que a mocidade poida e queira vivir no rural”

    Conchi Docampo: “Precisamos un plan integral para que a mocidade poida e queira vivir no rural”

    • 21,Mai 2019
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Por que tomastes a decisión de afincarvos en Vedra e vivir da terra?

    Traballabamos en Compostela cando decidimos mercar a casa en Vedra e en 2005 mudámonos. De fondo latexaba xa a intención de facer profesionalmente algo vinculado ao agro. Pasaron varios anos, a participación nunha cooperativa de consumo reponsable e un par de fillas ata que decidimos dar o paso de facer alimentos agroecolóxicos, non soamente para autoconsumo, senón para outras familias. Tiñamos claro que se vivíamos no rural tamén tiñamos que xerar emprego no rural. O proxecto ten vocación de ser algo real, útil, froito do esforzo e o traballo e con capacidade de amosar alternativas. Os atrancos para que isto sexa así tamén son grandes.

    En que consistía o proxecto para o que solicitaches a subvención

    Cando dimos o paso eu aínda entraba no rango de moza, polo que decidimos solicitar a axuda de incorporación para poñer os invernadoiros, que nos parecían fundamentais para garantir os alimentos ás nosas familias consumidoras durante todo o ano.

    Fóronche útiles eses cartos recibidos para dar os primeiros pasos na actividade agraria?

    Moito. Xa que puidemos ter 1000 metros cadrados de invernadoiro dende o inicio da actividade, cousa que, sen o diñeiro, teríamos que ir facendo máis amodo.

    Que tipo de apoios ou servizos botaches de menos á hora de iniciarte na profesión labrega?

    Unha das dificultades que atopamos foi o acceso á terra. Cando pides a axuda á incorporación pídenche un documento ante notario de arrendamento ou cesión. Atopar fincas que cumpran os requisitos para facer este documento non é doado, e persoas dispostas a ir ao notario, tampouco. Nós tivemos moita sorte cun veciño do que traballamos dúas fincas.

    Outra ferramenta existente, pero ineficaz. que podería solucionar esta problemática é o Banco de Terras, pero non funciona. Recordo cando saíu a convocatoria da axuda á que me acollín: Foi en febreiro, chamei ao Banco de Terras e dixéronme que só abrían o prazo en marzo e novembro, polo que non podía facer ningunha solicitude fóra de prazo. Alucinante.

    Os apoios que recibimos e resultaron fundamentais para nós foron os dos nosos compañeiros e compañeiras labregas da zona que xa estaban producindo en ecolóxico e facendo venda directa, que nos serviron de guía, aprendizaxe e axuda en moitos aspectos. A colaboración foi e é esencial.

    Cando decides que o teu proxecto teña como vía de comercialización a venda directa, tampouco é algo doado, xa que falta concienciación na sociedade do consumo de produto local ou de quilómetro cero, agroecolóxico e de tempada. Dende as administracións poderían concienciar co consumo de produto fresco local por medio dos comedores públicos (escolas, residencias, hospitais,…).

    Cres que estas axudas para a incorporación de xente nova á actividade agraria son suficientes? Pensas que a Xunta está a facer todo o necesario para que a mocidade opte polo agro e por vivir rural

    As axudas nunca son suficientes pero, ademais, creo que habería que facer un plan integral, onde se recollera o acceso a terra, o acceso a vivenda, garantir unha renda mínima, ter uns servizos básicos cubertos, entre outras demandas, para que a mocidade queira e poida vivir e traballar no rural.

    Cada vez imos perdendo máis servizos no rural e non se valora a función social e medioambiental da nosa actividade, sempre que esteamos facendo o noso traballo dunha maneira sostible, xa que hai outras actividades no rural que o que fan é depredar o medio. É fundamental que dende as administracións promovan a produción agroecolóxica, para vivir todos e todas en espazos más limpos e respectuosos coas persoas e co medio.

    Conchi Docampo