Novas

  • CONCENTRACIÓN MAÑÁ, MÉRCORES 10 de abril, na Xunta de Galicia (COMPOSTELA) polo plan de saneamento, contra o sacrificio obrigatorio de animais e as indemnizacións de miseria

    CONCENTRACIÓN MAÑÁ, MÉRCORES 10 de abril, na Xunta de Galicia (COMPOSTELA) polo plan de saneamento, contra o sacrificio obrigatorio de animais e as indemnizacións de miseria

    • 09,Abr 2024
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Baixo o lema “Polo plan de saneamento fronte á tuberculose bovina e contra o sacrificio obrigatorio de animais sans e as indemnizacións de miseria” MAÑÁ, mércores 10 de abril ás 12:30h. o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convoca unha CONCENTRACIÓN diante dos Edificios centrais da Xunta de Galicia (San Caetano, Santiago de Compostela). 

    O Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, segue sen respostar ás solicitudes de entrevista para abordar unha problemática que está a causar graves perdas ás gandeiras e gandeiros galegos e incrementando a preocupación ante a incertidume dun posible contaxio e baleirado da explotación -estudos científicos confirman a presenza de tuberculose en reservorios salvaxes-. O caso da granxa de Palleirós vense a engadir aos detectados nos últimos meses, non é un caso puntual.

    Dende o SLG observamos con consternación que a categoría indemne en tuberculose na Galiza -alcanzada precisamente grazas ás boas prácticas nas granxas- concede á actual Consellaría de Medio Rural unha posición privilexiada para xustificar ante Bruxelas a redución de inversións en saneamento gandeiro -a Xunta pasou do saneamento gandeiro anual a un cada tres anos-, a redución de inversións en reposición de animais mortos e a redución de inversións en compensación de lucro cesante. Estes recurtes págano logo granxas, que teñen que afrontar perdas por valor de milleiros de euros e agardar alomenos dous anos ata voltar producir a pleno rendemento.

    Ademais, a actual clasificación do noso país como zona de prevalencia 0 en tuberculose bovina ten como consecuencia o baleiro sanitario e o sacrificio de animais sans sen realización de probas que confirmen a enfermidade. Porén, nas granxas ubicadas en territorios limítrofes catalogados cunha prevalencia superior, no caso de seren detectados casos so son eliminados os animais positivos, practicándose probas periódicas ao resto da cabana gandeira, que pode seguir sendo xestionada con normalidade e mesmo poden ser mercados en territorios de prevalencia 0, como o noso.

    Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos ao Conselleiro José González Vázquez que deixe de mirar cara outro lado e faga o seu traballo, cumprindo ca responsabilidade de establecer dun diálogo directo inmediato co sector para abordar a gravidade do escenario actual. Mañá levaremos as nosas reivindicacións a Santiago de Compostela, a fin de insistir na urxencia de ter unha xuntanza ca Consellaría do Medio Rural e a Subdirección Xeral de Gandaría, solicitudes non respostadas inda a día de hoxe.