Novas

  • Concentración aberta de plataformas, colectivos e organizacións este sábado a prol dos dereitos sociais

    Concentración aberta de plataformas, colectivos e organizacións este sábado a prol dos dereitos sociais

    • 06,Set 2016
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    A Plataforma PROSERSO (Plataforma de Traballadoras e Traballadores sociais en defensa da profesionalización dos Servizos Sociais nas Administracións Públicas), que procura a defensa do traballo social e os servizos públicos, levamos dende hai tempo facendo comunicados públicos que amosan o noso malestar coas políticas sociais que se están desenvolvendo nos últimos anos. 

    A actual situación de pobreza, desigualdade e desatención que se está a producir, froito das políticas aplicadas nestes últimos anos, políticas encamiñadas a recortar e/ou eliminar dereitos sociais, fai evidente que os recentes anuncios do actual goberno sobre novas medidas sociais, denominadas innovadoras, positivas e de promoción de dereitos sociais, teñen como finalidade última a campaña electoral para as próximas eleccións autonómicas e non o restablecemento de dereitos sociais. Entendemos que estas medidas non supoñen ningún impacto na saída da crise económica e mellora da calidade de vida da cidadanía e nin tan sequera en moitos casos son axudas que realmente cheguen ao colectivo para o que se publicitan e van destinadas, senón que pola contra deixan fora destas a meirande parte dos potenciais perceptores.

    O colectivo de traballadoras e traballadores sociais somos conscientes de que non é só un problema no ámbito dos servizos sociais e das persoas sen recursos ou en risco de exclusión social senón que é un problema sistémico e estrutural no que o único interese é a defensa dunha coalición de intereses privilexiados, polo que a forma de combatelo tamén deber ser mediante a UNIÓN de todos os colectivos, organizacións e persoas que teñen a mesma certeza e conciencia de que todos xuntos e todas xuntas temos o poder de minguar, mudar ou, cando menos, frear; tal e como se vén facendo xa, determinados plans e proxecto políticos. Unha unión que recupere un sistema público de benestar e fronte ás continuas privatizacións e a mingua do estado de benestar.

    Chegado o momento político actual, o cal consideramos único debido ás posibilidades de mudar as políticas implantadas, cremos realmente posible establecer unha estratexia conxunta de todas as plataformas, asociacións, organizacións e persoas que teñan por obxecto o rexeitamento das políticas de recortes, a defensa dos servizos públicos, de accións que favorezan a nosa cultura e os nosos valores, a nosa industria pesqueira, agrícola, valores medioambientais, o emprego e, en definitiva, tódolos sectores que se vexan ameazados e non defendidos os seus dereitos.

    Como acción conxunta propoñemos unha concentración, o día 10 de setembro ás 19:00 horas, na praza do Toural en Santiago de Compostela, na que cada organización, plataforma, asociación,etc, acompañada dos seus eslóganes diga unha frase ou un lema no que manifeste o seu malestar ou defensa da causa que representa.

    Pregamos a máxima difusión e asistencia a ese acto, xa que despois das 12 da noite tomarán a voz os partidos políticos para levar adiante a campaña electoral.

    Pregamos tamén que as entidades/organismos que asinen esta convocatoria, envíen un correo á plataforma info@proserso.org á maior brevidade posible, confirmándoo.

    Para referirse á situación actual das clase sociais, George Bernard Shaw dixo: “Uns predican a loita de clases, outros practícana vigorosamente”. Pois pasemos novamente á acción xa como último acto antes das eleccións que se aproximan.

    CREMOS QUE CHEGOU O MOMENTO DE UNIRNOS E AMOSAR A NOSA VOZ E FORZA CONXUNTA.

    O IMPORTANTE É CRER NO QUE SE FAI, NA RAZÓN DO FACER, SEN MÁIS. OS RESULTADOS CANDO MENOS SERÁN A COOPERACIÓN, SOLIDARIEDADE, XENEROSIDADE E A CONFRATERNIDADE MUTUA.

    Puños