Novas

  • Comunicado da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego polo 8 de marzo

    Comunicado da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego polo 8 de marzo

    • 08,Mar 2013
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Constatamos que detrás destas palabras, hai políticas activas dos gobernos (galego, español e UE, decisións do Fondo Monetario Internacional, do Banco Mundial…) para traspasar o diñeiro público aos grandes grupos de poder que constitúen o capital financeiro. Políticas que consisten en que o BCE preste diñeiro aos bancos ao 1% e os bancos o presten aos gobernos ao 7%, facendo impagábeis as débedas dos estados.

    Denunciamos a actitude dos gobernos de anteporen os intereses do capital financeiro especulativo por diante dos dereitos básicos das persoas e que, no noso caso, se plasma na reforma da Constitución española que prioriza o pago da débeda. Unha débeda que no 2013, só en intereses, vai supoñer case 39.000 millóns de € ao erario público.

    Así estamos vendo como, ano tras ano, os gobernos están recortando os orzamentos destinados a financiar os servizos públicos esenciais para o desenvolvemeno das persoas (ensino, sanidade, servizos sociais), así como en políticas de igualdade, loita contra exclusión social e a pobreza, loita contra a violencia machista, políticas de vivenda, políticas de emprego…

    Constatamos como as políticas que nos impoñen co pretexto de saír da crise e de facerlle fronte á débeda lévannos a unha situación de tremenda precarización dos nosos postos de traballo e da nosa vida. Os elevados custes de produción provocados entre outras pola subida do IVE, gasóleo, taxas administrativas, xunto co estancamento e coa baixada dos prezos dos nosos produtos, están poñendo ao borde do abismo ás nosas explotacións, cun aumento da presión e da carga de traballo sobre as mulleres que nos enferma, ate o ponto de ver incrementada dunha maneira importante enfermidades como a ansiedade e as depresións.

    Novamente, igual que nos anos 70, estasenos obrigando a decidir si pagamos a Seguridade Social ou se estudamos as fillas e os fillos ou facemos frente a outras prioridades. Outra vez, planea a pantasma da expulsión das labregas da Seguridade Social co que conleva en perda de dereitos.

    Constatamos horrorizadas como as nosas fillas e os nosos fillos, volven verse obrigadas a coller o camiño da emigración para labrarse o futuro que os nosos gobernos lles negan, sen importarlles tirar pola borda os esforzos das familias e da sociedade para ter unha xuventude formada.

    Os recortes orzamentarios na sanidade, no ensino e nos servizos sociais van no camiño de desmantelar estes servizos e convertelos nun negocio para os grandes grupos inversores dificultando o aceso ós mesmos das clases populares, cun impacto especial nas mulleres.

    A escola pública xa está sendo afectada coa diminución do profesorado e o aumento de alumnado por aula. A mobilización das ANPAS da montaña de Lugo e de Ourense están poñendo de manifesto o especial impacto destas medidas no medio rural.

    A perda do carácter universal da sanidade, o repago, son tamén o inicio dun proceso de cara a inminente privatización doutro servizo básico para a cidadanía cunha especial incidencia nas labregas e na poboación do medio rural.

    Sendo as pensións no medio rural das máis baixas, especialmente, as das labregas despois da última reforma, o horizonte que se nos presenta fainos recordar a beneficiencia e a pobreza dos anos duros do franquismo.

    Por todo isto, neste 8 de marzo as mulleres labregas ESIXIMOS:

    • Estar firmemente decididas a nos consentir que a brecha entre ricos e pobres siga aumentando.
    • A débeda pública como ilexítima, porque para salvagardar os intereses do capital especulativo atenta contra os intereses e o benestar dos pobos. Esiximos que se suprima da Constitución a prioridade de pagar a débeda. Nós non debemos, nós non pagamos.
    • Estar firmemente decididas a manter os nosos postos de traballo como labregas, correctamente remuneradas e con dereitos. Esiximos, prezos dignos que remuneren o noso traballo;  a aplicación xa, da Lei de Titularidade Compartida e o mantemento da actual Lei do Aborto.
    • Estar firmemente decididas a loitar contra o abandono das políticas públicas e contra a privatizacion dos servizos públicos e dos recursos naturais como a auga e as sementes.

    Entre o 8 e o 10 de marzo participaremos no encontro da Coordinadora Europea da Vía Campesina que se celebra en Santiago de Compostela. Encontro de traballo onde se analizarán o feito no último ano en cuestións como a loita contra a violencia machista no medio rural ou polo recoñecemento dos dereitos das labregas en Europa

    Este espazo tamén servirá para a preparación da IV Asamblea de Mulleres previa á VI Conferencia Internacional da Vía Campensina, que se celebrará en xuño do 2013 en Iacarta – Indonesia.

    O sábado 9 de marzo participaremos na manifestación convocada ás 12:30 con saída na estación de tren de Compostela. Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego convidámoste a participar na mobilización.