No día de onte, domingo 24 de outubro, varios medios de comunicación fixéronse eco da sentenza ditada por unha xuíza da cidade de Marbella a través da cal, en sentenza de medidas provisionais, lle retira a unha muller a custodia do seu fillo por considerar que as condicións de vida no seu lugar de residencia non garanten que o neno medre “nun ambiente feliz”. Segundo se extrae dos contidos da sentenza que transcenderon aos medios de comunicación, o motivo para dubidar da adecuación do lugar de residencia sería que se atopa no que a xuíza considera que é “a Galiza profunda”.
As entidades abaixo asinantes non podemos se non amosar a nosa máis absoluta repulsa ante este acto xudicial no que, segundo se desprende do recollido en prensa, se vulnerarían dereitos do neno e da nai en base a prexuízos ligados a un concepto estereotipado e pexorativo do rural galego, incumpríndose así o dereito fundamental enunciado no artigo 14 da Constitución. Do mesmo xeito, o auto amosaría unha absoluta ignorancia sobre a realidade xeográfica, cultural e demográfica do noso país. Ao respecto debemos dicir que a comarca de Noia se atopa a uns 30 minutos da capital de Galiza, que conta cunha densidade de poboación de 103 habitantes por km2 así como unha serie de núcleos urbanos nas súas proximidades que aseguran o acceso a todos os servizos necesarios. Non se pode falar, polo tanto de Galiza profunda, que faría referencia a municipios illados, con moi pouca poboación e dificultades para acceder a servizos.
Máis aló desta aclaración, asentar xudicialmente que os nenos e nenas de zonas rurais galegas non teñen garantidas as necesidades básicas por mor das características socioeconómicas e de distribución da poboación no noso ámbito xeográfico, significaría crear unha situación de vulnerabilidade para todos aqueles menores de idade residentes en municipios rurais, dado que se cuestionaría a capacidade dos seus proxenitores e proxenitoras para asegurar o seu benestar en base a un principio discriminatorio e non obxectivo.
Por este motivo consideramos imprescindible que os organismos públicos galegos publiquen nos próximos días declaracións institucionais ao respecto e realicen cantas accións estean na súa potestade para que se depuren responsabilidades e se garanta unha actuación da xustiza consonte ao marco de Dereitos Humanos e en especial da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena.
Ferrol, a 25 de outubro de 2021
AGAMME Asociación Galega contra o Maltrato a Menores
Sindicato Labrego Galego
Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo
Maternidades Feministas
Colectivo Feminista As Pontes
Asociación Cultural Fuco Buxán
Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG)
Marcha Mundial das Mulleres
AGAFEM (Asociación Galega de Acollemento de Familia Extensa do Menor)
ASOCIM (Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller)