Novas

  • Comeza en Compostela o Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesina coa intención de avanzar na igualdade real das labregas nas organizacións agrarias e no mundo

    Comeza en Compostela o Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesina coa intención de avanzar na igualdade real das labregas nas organizacións agrarias e no mundo

    • 01,Nov 2006
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    primeira xornada do Congreso Mundial das mulleres da VÍA CAMPESINA

    Aínda así, Ferrer valorou positivamente todo o camiño percorrido dende a fundación da Vía Campesina en 1992 en Mons (Bélxica), pero alertou de que “aínda queda moito por facer para acadar a nosa integración e recoñecemento pleno”. En contraste co padecemento dunha situación de “marxinación e opresión das labregas no campo”, Ferrer destacou a achega das mulleres campesiñas en feitos como “o desenvolvemento do agro e das comunidades nas que vivimos; o descubrimento e protección das sementes; o coidado dos recursos; o fortalecemento da Vía Campesina no mundo; a loita pola soberanía alimentaria e pola terra; ou a resistencia fronte ás políticas neoliberais que destrúen as vidas, culturas, e a agricultura, e que nos obrigan a abandonar as nosas terras e a sermos emigrantes forzosas ás cidades e a outros países”.

    Na apertura do evento tamén participou a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, que destacou a función deste congreso como “espazo para escoitar, descubrir outras realidades, compartir e debater e, en definitiva, para avanzar”. Sotelo destacou que “a muller do medio rural, en Galiza e no mundo empobrecido, ten sido a protagonista oculta da cooperación ao desenvolvemento”, e afirmou o seu convencemento de que “no futuro, ese desenvolvemento e o progreso, ou se fan dende o recoñecemento e o liderado da muller, ou non serán factíbeis”.

     

    Pola súa banda, a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Lidia Senra, que oficiou como anfitrioa, agradeceu a presenza de mulleres en representación das labregas de todo o mundo. Senra explicou que “por primeira vez, mulleres da Vía Campesina vidas dende todos os puntos da terra imos abordar, de xeito colectivo, a nosa formación en feminismo. Moitas de nós levamos anos traballando a reo para que se recoñezan os dereitos das labregas, pero démonos conta da necesidade de coñecer o que significa o pensamento feminista; e que avances supuxo para a conquista dos nosos dereitos, e para a nosa loita pola igualdade real”. Lidia Senra, ademais, agradeceu o apoio financeiro da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, da Secretaría Xeral de Igualdade e da Deputación da Coruña, que estiveron representadas na xornada de hoxe por Fabiola Sotelo, Carme Adán e Margarida Vázquez Veras; amais da axuda económica do Servizo Galego de Igualdade. A primeira xornada do Congreso Mundial de Mulleres estivo centrada en contidos formativos ao redor do feminismo, con relatorios de Carme Adán e María Xosé Agra.

    Delegación asiática no Congreso Mundial das mulleres da VÍA CAMPESINA

    A delegación asiática xunto a Juana Ferrer, Lidia Senra e Fabiola Sotelo, durante a cerimonia inaugural