Este xoves foinos notificado que Cobre San Rafael formulou unha reclamación ante a Valedora do Pobo en contra da aprobación parcial de acceso á información relativa ao expediente de declaración como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) do Proxecto Cobre San Rafael dentro da Concesión de Explotación “San Rafael”, emitido finalmente pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético o pasado mes de decembro a solicitude do Sindicato Labrego Galego-ComisiónsLabregas (SLG-CCLL), malia ás múltiples alegacións de oposición interpostas pola empresa.
No eu escrito, a empresa Cobre San Rafael interpela á Valedora para cualificar de “abusivo” o exercicio deste dereito de acceso por parte do SLG, fiando un argumento baseado en cuestionar o traballo en rede co que as organizacións sociais tentamos acadar os mellores resultados posibles cos escasos recursos loxísticos e económicos que temos.
“Estamos ante unha empresa que pretende campar ás súas anchas, tanto que non está disposta a permitir que a Administración pública faga nin unha mínima acción que poida prexudicar seus intereses, nin sequera algo tan básico como respectar a lexislación de acceso á información pública. Unha lexislación, por certo, convintemente enfeblecida nos últimos anos polo Partido Popular dende a Xunta de Galicia para favorecer este tipo de proxectos e dificultar as estratexias de defensa da cidadanía”, apostilla a responsábel da loita contra o acaparamento de terras no SLG, Margarida Prieto Ledo. “Abusivo é que persoas vinculadas á empresa lle vaian polas casas ás persoas maiores a presionar para que vendan as terras, ou que a Xunta de Galicia mande cartas á veciñanza para que vaia revisar a lista de expropiacións do proxecto, cando nin sequera foi aprobado”.
Tentando afear o dereito á participación pública, no seu escrito Cobre San Rafael preséntase ante a Valedora como vítima dunha “actuación coordinada y en bloque” de distintos colectivos sociais, apuntando a existencia dunha “estrategia coordinada de oposición al Proyecto Minero” que tamén é extensible a “entorpecer la normal tramitación y desarrollo de proyectos mineros”, así, en xeral. É máis, láisase, “esas espurias intenciones llegan al extremo de materializarse a través de la interposición de denuncias penales (…) afectando incluso a profesionales como Directores Facultativos y otros ingenieros y a funcionarios y cargos públicos” e, por se fora pouco, provocando tamén o “amedrantamiento en el personal de la Administración encargado de gestionar y tramitar los diversos permisos y autorizaciones”.
“É canto menos fondamente desagradable que, nun país que leva máis dun lustro de modificación lexislativa para precisamente facilitar o espolio de recursos naturais, obviando o partido no goberno a consciente e grave preocupación social existente ao respecto e manifestada nun sinfín de mobilizacións, unha empresa inmersa en varios procedementos xudiciais se dirixa nestes termos á Valedora do Pobo”, valora Ledo. “Mención a parte merece o feito de que unha acusación tan grave como a de amedrantamento do persoal público forme parte dunha queixa interposta por Cobre San Rafael precisamente contra a actuación dun cargo dunha administración pública, nesta caso o Secretario Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético ”, puntualiza.
Dende logo, o que fica claro é que Cobre San Rafael é perfectamente consciente da forte oposición social que hai á reapertura desta mina de cobre a ceo aberto. Efectivamente, ao tratarse dun proxecto con nefastas implicacións para as labregas e labregos da contorna, irremediables afeccións medioambientais –o proxecto presenta eivas en cuestións tan imprescindíbeis como as medidas de xestión dun escenario accidental da balsa de lodos- e moi posiblemente problemas de saúde na poboación dos concellos afectados, somos moitos os colectivos e organizacións sociais que levamos anos denunciando esta situación e apoiando á veciñanza.
“Así funciona a democracia e o dereito das organizacións a defender as demandas da cidadanía. É certo que esta democracia pode debilitarse limitando os nosos dereitos a través de sucesivas leis de de depredación, como vimos padecendo na Galiza co Partido Popular, pero precisamente porque loitamos por algo tan esencial como é que o benestar das persoas prevaleza sobre o lucro privado, seguiremos ata o final con total determinación”, apostilla a coordenadora da loita contra o acaparamento de terras no SLG.
Dende o Sindicato Labrego Galego reiteramos o noso compromiso coa veciñanza de Touro-O Pino, e interpretamos a comunicación dirixida á Valedora do Pobo pola empresa mineira Cobre San Rafael como unha mostra máis das dificultades que está tendo que xestionar esta corporación para tentar impor un proxecto con forte oposición social; un plan de negocio que pretende lucrarse á costa da saúde das persoas e o medioambiente, así como de dificultar a produción de alimentos de calidade na comarca. A mina de Touro-O Pino xa foi paralizada unha vez grazas á coordinación e acción social, seguimos demostrando que non ten a “licencia social” que pretende impoñer Cobre San Rafael.