Desta vez, tocaba repartir unha partida de 668.893 € entre as 59 persoas beneficiarias que superaron os requisitos esixidos. Deses cartos, 46.242 € foron caer de novo a Ramón Bilbao (nas axudas da convocatoria pasada xa levara 156.710 €, acaparando o 21% do orzamento destinado a esa fin en 2017), que este ano acadou o terceiro posto no podio das subvencións máis grandes. Entre as axudas á reestruturación de 2017 e 2018, Ramón Bilbao suma 202.952 €. O grupo Ramón Bilbao ten a Adega Mar de Frades, en Rías Baixas.
Seguiulle, no cuarto posto, a empresa Agrogalir (Adegas CVNE da Rioxa, que mercaron en 2017 Virxe de Galir, da DO Valdeorras), con 44.858 €; esta adega rioxana obtivo, nas axudas de 2017, 74.753 €, polo que nos dous últimos anos suma 119.611 €.
Tamén volveu recibir subvención de Medio Rural González Byass (Xérez, Cádiz), con 8.983 €, cartos que habería que sumar aos 51.115 € que ingresou en 2017 polo mesmo concepto. Todas estas empresas de fóra de Galiza quedaron con case o 16% do orzamento en 2018.
Se analizamos os primeiros cinco postos absolutos de 2018, en primeiro lugar teriamos Lagar de Fornelos (Rías Baixas), con 105.179 €; en segundo, Terras Gauda (51.159 €, despois dunha axuda o ano pasado de 61.907 €); e tras Ramón Bilbao e CVNE, repite tamén no podio Adegas Campante no quinto posto, con 38.320 € (en 2017, levou 27.451). En total, os cinco primeiros beneficiarios das axudas á reestruturación do sector vinícola na Galiza de 2018 suman 285.758 €, que supoñen case o 43% do orzamento destinado a estas axudas.
Os postos do podio móvense se sumamos as axudas acumuladas en 2017 e 2018. Aí, as adegas rioxanas Ramón Bilbao e CVNE (Compañía Vinícola del Norte de España) ocupan sen discusión os dous primeiros postos (ver infografía).
Dende o Sindicato Labrego Galego xa temos denunciado este reparto inxusto dos fondos públicos que se está a utilizar para concentrar cada vez máis a produción vitícola en menos mans, favorecéndose o crecemento das adegas máis grandes que, de seguir así, terán cada vez un maior dominio sobre a produción, os prezos da uva, o mercado e o sector.
Pola contra, as regras do xogo que impón Medio Rural condenan os proxectos de menor dimensión a ficar marxinados. E unha boa proba son as bases destas subvencións, moi difíciles de cumprir e custear para as pequenas adegas e os viticultores e viticultoras. Por exemplo, a Consellaría de Medio Rural obrígache a encargar os traballos de nova plantación de viñedo, con independencia da superficie da que se trate, a unha empresa, co cal a cativa subvención á que podes aspirar, cobre unha parte ridícula dos gastos. As grandes adegas, pola contra, con persoal técnico en nómina e grandes sumas de capital para investir, téñeno moito máis doado.
Con estas regras do xogo, o abandono no sector vitícola seguirá in crescendo, como até agora, e as grandes empresas do sector acaparando terras e mercados en detrimento dun medio rural vivo con familias traballando e vivindo da terra e na terra.