MANIFESTO EN DEFENSA DA CRTVG
Neste contexto, as persoas abaixo asinantes, representantes de organizacións sociais, sindicais, políticas, profesionais e académicas, e cidadás e cidadáns particulares, consideramos que a sociedade galega está ante un momento crucial para mellorar e afianzar o seu modelo de servizo público de comunicación, e expresamos a nosa vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública:
1. Que defenda a identidade nacional de Galiza, promova o coñecemento e a difusión da súa historia e a súa cultura e impulse a normalización da súa lingua. O galego será a lingua vehicular de todas as emisións e contidos dos medios audiovisuais públicos, debéndose atender e coidar a calidade lingüística das mesmas.
2. Que impulse o coñecemento e o respecto aos dereitos humanos (dos homes, das mulleres e da infancia), cívicos e políticos recoñecidos nos tratados e normas internacionais.
3. Que promova a igualdade entre mulleres e homes, desde o uso dunha linguaxe non sexista, ata a introdución da perspectiva de xénero en todos os contidos (económicos, políticos, sociais, culturais, deportivos, etc), incluíndo o tratamento informativo da saúde, da educación e da violencia de xénero e, en xeral, a imaxe que se ofrece das mulleres.
4. Que dedique especial atención, pola súa importancia futura para a sociedade, á infancia e á mocidade, reforzando a función educativa e socializadora dos medios audiovisuais na transmisión dos valores cívicos e democráticos, incluíndo expresamente a promoción da igualdade de xénero.
5. Que ofreza gratuitamente un conxunto de programacións e servizos audiovisuais variados, equilibrados e de calidade para todos os públicos e que asegure aqueles contidos destinados a satisfacer as necesidades e demandas das minorías máis desfavorecidas da nosa sociedade, atendendo ás súas problemáticas específicas, a prol da integración e a cohesión social.
6. Que informe con veracidade, imparcialidade e independencia, con respecto á pluralidade de fontes e actores, afastándose da banalización e o sensacionalismo e coa profundidade e contextualización necesarias para a cabal comprensión dos feitos que se informan.
7. Que estimule a participación democrática mediante unha regulación que asegure a aplicación efectiva e sistemática do dereito de acceso aos medios públicos dos grupos sociais e políticos significativos, segundo criterios obxectivos de representación ou implantación social, sen que poida excluírse a expresión dos grupos sociais que representan as minorías lexítimas da sociedade nin as formacións políticas sen representación parlamentar, en atención ao respecto ao pluralismo.
8. Que fomente o acceso universal aos servizos relacionados coa Sociedade da Información, participando no progreso tecnolóxico e na utilización das novas técnicas de produción e difusión de programas e servizos audiovisuais, incluídos os dixitais e en liña, susceptíbeis de enriquecer e completar a súa oferta de programación.
9. Que dispoña da estrutura, dimensión e recursos materiais, orzamentarios e humanos necesarios para desenvolver con autonomía as misións de servizo público que ten encomendadas, mantendo en todo caso o equilibrio entre a utilización efectiva e eficiente dos seus propios recursos e o obrigado cumprimento das cotas que, conforme á lexislación vixente, lle corresponde á industria audiovisual independente.
10. Que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente con transparencia, evitando as contratacións opacas e a concentración das compras nun número reducido de provedores.
Por último, instamos ao Parlamento de Galiza a regular por lei, á maior brevidade posíbel, a creación dunha autoridade audiovisual independente do goberno e dos operadores, que vele polo cumprimento da normativa reguladora do sector audiovisual xestionado pola Xunta, nomeadamente das obrigas de servizo público encomendadas á CRTVG, conforme aos principios expresados neste manifesto.
|
Alternativa Radio Galega (ARG) |
|
Asemblea Republicana de Vigo (amigos da república) |
|
Asociacion de Equipos de Fútbol de 3ª Preferente e 1ª Rexional |
|
Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe en Galicia (APRADOGA) |
|
Asociación Galega de Guionistas (AGAG) |
|
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) |
|
Associaçom Galega da Língua (AGAL) |
|
Bloque Nacionalista Galego (BNG) |
|
Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras (CUT) |
|
Comisións Obreiras (CCOO) |
|
Comité Interemrpesas da CRTVG |
|
Confederación Intersindical Galega (CIG) |
|
Encontro Irmandiño (EI) |
|
Espazo Ecogaleguista |
|
Esquerda Unida (EU) |
|
Frente Popular Galega (FPG) |
|
Galiza Cultura |
|
Mesa Pola Normalización Lingüística (MNL) |
|
Mocidade Nacionalista Galega (MNG) |
|
Nova Escola Galega |
|
Partido Socialista de Galicia (PSdeG-PSOE) |
|
ProLingua |
|
Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG) |
|
Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) |
|
Sindicato Labrego Galego (SLG) |
|
Unión General de Trabajadores (UGT) |
|
Unión Sindical Obrera (USO)
Compostela, 14 de marzo de 2012 |