A comarca da Ulla está sendo nestes últimos anos obxecto de interese por grandes industrias vitivinícolas que veñen adquirindo grandes extensións de terras, moitas delas que nunca foran adicadas á plantacións de vides senón a dirixidas a outras producións alimentarias, a fin de expandir a súa produción.
A proximidade ás vivendas destas novas plantacións leva tempo suscitando preocupación entre a veciñanza, que xa comeza a percibir un deterioro das condicións medioambientais da súa contorna, derivada de cuestións como a aplicación intensiva de sulfatos ou a propia deformación da oreografía orixinal operada por estas empresas para adaptar o territorio ás necesidades das plantacións de viñedo.
A fin de analizar esta situación en profundidade, mañá, xoves 27 de xuño, a partir das 20.30h. o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) desenvolverá unha xornada informativa na Casa da Estación de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra).
Na mesma exporán as súas experiencias Lídia Senra, labrega agroecolóxica de Vedra; Natalí González e Jesús Santamarina, da Plataforma Si a un Rural Vivo e José Pereira da Plataforma pola Regulación de Sulfatos no Salnés.
Con esta xornada informativa o SLG-CCLL enceta unha campaña de denuncia e visibilización do acaparamento de terras agrarias nas comarca da Ulla, que terá continuidade en vindeiros actos informativos e reivindicativos.