Os encontros, que tiveron lugar no salón azul do Liceo betanceiro e na capital da Terra Chá, tiñan como obxectivo compartir cos e coas representantes municipais os problemas polos que están atravesando as explotacións do sector leiteiro, que está a vivir unha das súas peores crises, padecendo os prezos en orixe máis baixos do Estado e da Unión Europea e aturando, ao mesmo tempo, o incremento exponencial dos gastos dedicados a insumos esenciais para a produción leiteira, como gasóleo, electricidade, forraxes, pensos ou fertilizantes.
Vilalba, Iglesias e Orozco detalláronlle os pormenores desta situación aos políticos e ás políticas municipais, solicitándolles o seu apoio de cara a sensibilizar á cidadanía galega sobre este problema. Unha das accións para as que se lles solicitou apoio, foi a de aprobar unha moción nos plenos dos seus respectivos concellos (achégase xunto a este comunicado) para:
Instar a Xunta de Galicia a que lles esixa aos ministerios de Agricultura e Economía para que non permitan que a distribución francesa e alemá nos trate como o sumidoiro para a súa produción láctea a costa de arruinar zonas produtoras como Galicia.
Solicitar do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que lidere, como máximo responsable da comunidade autónoma con maior produción de leite do Estado, o impulso de normativas, como a do contrato lácteo, que permitan a negociación colectiva de prezos a través de organizacións de produtores.
Pedir aos presidentes das corporacións municipais das comarcas de Betanzos, Eume e Ferrol que trasladen a Consellaría de Medio Rural a necesidade de reforzar as partidas de axudas á modernización das explotacións e, sobre todo, que actúe de xeito decidido contra o déficit de terra que padecen as explotacións galegas, que está a limitar a rendibilidade das mesmas e a comprometer o futuro das axudas europeas que estarán ligadas á superficie agraria.
