A maiores, as mulleres do Sindicato Labrego Galego seguirán comprometidas en loitas como a iniciada contra a reforma das pensións –polo especial impacto que ten sobre as mulleres labregas-, reclamando unha Seguridade Social máis asequíbel que garanta unhas pensións dignas. Nesta reivindicación, as labregas do SLG amosáronse dispostas a establecer alianzas con outros colectivos de mulleres para facer máis forza nunha campaña que comezou este sábado cunha manifestación en Ourense.
Outra das decisións acordadas no encontro de Sarreaus foi a de ratificar nas súas responsabilidades á fronte da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego a Isabel Vilalba Seivane, traballo que esta gandeira e sindicalista de Lourenzá (Lugo) terá que compaxinar coa súa pertenza ao Comité da Coordinadora Europea da Vía Campesina.
Con acordos como os devanditos, as labregas do SLG puxeron fin a un encontro anual que serviu, a maiores, para visualizar a loita desenvolvida polas mulleres nas últimas décadas de cara a conquistar dereitos dos que hoxe disfrutamos todas. Isto fíxose grazas a análise feita de documentais como “Digna rabia”, no que varias mulleres que padeceron e viviron a represión do Franquismo achegan a súa testemuña; ou do libro de Tareixa Ledo Regal “Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable”, no que a escritora, amais de analizar a biografía e traxectoria sindical da que fora secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego entre 1989 e 2007, bota unha ollada retrospectiva ás loitas rurais lideradas por mulleres na Galiza.
