O Sindicato Labrego Galego, en aras da unidade de acción co resto das organizacións agrarias e coa Asociación Galega e Cooperativas Agrarias, ven de aplazar as medidas mobilizadoras que estaban convocadas no sector do leite para o próximo martes 26 de maio. Na próxima semana están previstas dúas importantes xuntanzas:
O luns 25 vai ter lugar en Bruxelas unha entrevista da Coordinadora Europea Vía Campesina (organización da que fai parte o SLG) co Presidente do Consello de Ministros e Ministras de Agricultura da UE en Bruxelas, na que vai participar a Secretaria de Organización do SLG Lídia Senra. Nesta reunión o SLG vai poñer tamén enriba da mesa a crise do leite e o tema do prezos, así como a necesidade de reducir a cota europea para que a produción de leite volva a ser unha actividade rendíbel para as explotacións galegas.
Na Galiza, o mércores 27 vai ter lugar unha reunión do grupo e traballo da Mesa do Leite, na que se vai demandar a posta en marcha inmediata de medidas de choque por parte da Xunta da Galiza que impidan a quebra económica das explotacións; estas medidas son posíbeis, como demostra o feito de que noutras Comunidades Autónomas se teñen posto en marcha (en Baleares estableceuse unha axuda de 100 euros por vaca).
Desde o Sindicato Labrego Galego aceptamos o aprazamento das mobilizacións á espera dos resultados destas reunións e en aras a facer mobilizacións conxuntas, que agardamos concretar o antes posíbel; pero se isto non fose así, o SLG seguirá mobilizándose, se fose preciso en solitario, para esixir prezos que cubra custes de produción e remunere o traballo.